O Gaiás amplía a súa conexión co Xacobeo coa intervención artística de Francisco Leiro ‘Zapatos no Camiño’

Este proxecto escultórico no Bosque de Galicia dialoga coa cidade compostelá e os espazos naturais da Cidade da Cultura, co Camiño de Santiago como pano de fondo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade destacou que esta proposta, “contemporánea e universal, se converterá en obra de referencia e obrigada visita contribuíndo a aumentar o atractivo dos espazos naturais do Gaiás”

Francisco Leiro, un dos artistas galegos con maior proxección internacional, súmase así aos creadores que teñen realizado intervencións nos exteriores do Gaiás, como Manolo Paz, Clara Montoya ou Alicia Framis

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia amplía o vencello entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago coa instalación no Bosque de Galicia dunha intervención escultórica de Francisco Leiro, Zapatos no Camiño, que pode visitarse desde hoxe. A obra, composta de tres pezas realizadas en diferentes materiais, sitúase na cima da ladeira do Monte Gaiás que se abre sobre Compostela, establecendo un diálogo visual coa Catedral de Santiago e a Vía da Prata, que discorre paralela ao complexo na súa entrada á capital de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado de Francisco Leiro, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe este proxecto escultórico, enmarcado no Xacobeo 21-22. O titular de Cultura do Goberno galego destacou esta peza como “unha intervención artística contemporánea e universal, que se converterá en obra de referencia e obrigada visita, contribuíndo a consolidar o atractivo natural e de lecer que xa posúe o Bosque de Galicia”.

O conselleiro quixo tamén agradecer o seu traballo ao escultor Francisco Leiro, “un dos creadores de Galicia máis destacados de todos os tempos, cunha produción plástica inconfundible, que agora se suma aos nomes dos creadores e creadoras que deixan a súa pegada artística nesta contorna do monte Gaiás”.

Producidas con materiais perdurables e cunha concepción formal conectada coa contorna natural na que se sitúa, co Camiño de Santiago como marco contextual, as esculturas realizadas por Leiro representan tres zapatos de peregrino: un realizado en granito, outro en formigón e outro en ferro fundido, tendo as tres unhas dimensións de arredor dos dous metros, para poder contemplarse desde a distancia. Os zapatos convértense neste caso en obxectos humanizados que simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido, mentres que a súa concepción formal chama á interactividade cos visitantes, podendo ser empregados como obxectos de descanso por parte do público.

Zapatos no Camiño súmase á serie de intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está a promover nos espazos exteriores da Cidade da Cultura, directamente ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino internacional da peregrinación. Entre elas, as persoas visitantes poden atopar xa a obra Espellos, do escultor Manolo Paz; Constelacións II, de Clara Montoya –coñecida tamén como o banco do peregrino–; ou a pirámide de metal de Alicia Framis titulada Deixa aquí os teus medos na contorna do Xardín Literario. As intervencións complétanse anualmente coas obras efémeras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que leva tres edicións poñendo en valor as creacións contemporáneas realizadas por mulleres, potenciando tamén as zonas verdes do Gaiás como lugar de creación e exhibición.

Francisco Leiro

Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos escultores e artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, cunha actividade profesional que se desenvolveu durante décadas entre New York, Madrid e Cambados.

Leiro ten realizado unha importante produción escultórica de carácter monumental en espazos públicos e/ou exteriores, entre as que destacan obras tan icónicas como a figura do animal fantástico coñecida como Sireno na Porta do Sol da cidade de Vigo. Foi recoñecido con premios e condecoracións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no 2000 ou Premio das Artes na IIª Edición Galegos do Mundo no ano 2003.

A súa obra está presente en destacadas coleccións de museos, institucións públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, como o Akron Art Museum (Ohio, Estados Unidos), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Marugame Hirai (Kagawe, O Xapón), o Stedelijk Museum (Ámsterdam, Holanda), ou, en Galicia, o Auditorio de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea, ou as coleccións de Abanca e Afundación.

Imaxes relacionadas