A Xunta prevé o inicio das obras de mellora de varias rúas de Nocedo, nos Blancos, para este mesmo verán

Esta actuación, que acaba de adxudicarse por un importe de preto de 40.000 euros, tamén inclúe a instalación de mobiliario urbano neste núcleo

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato de adxudicación das obras de mellora de varias rúas do núcleo de Nocedo, no concello ourensán dos Blancos, polo que os traballos poderán iniciarse ao longo deste verán.

A Xunta adxudicou este contrato por un importe de case 40.000 euros á empresa Coviastec, S.L, co obxectivo de mellorar este espazo para fomentar a convivencia veciñal.

Así, nos Blancos executaranse unha obras que consisten na rexeneración do pavimento da parroquia de Nocedo, para mellorar o acceso e a comunicación a través da rede de estradas. Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de roza e limpeza, así como a colocación de mobiliario urbano.

A Xunta aposta por este tipo de iniciativas co obxectivo de colaborar naqueles proxectos que melloren as infraestruturas municipais, sobre todo naqueles casos nos que as posibilidades económicas das entidades locais así o requiran, e que permitan un aumento da calidade de vida desta zona rural e se contribúa a fixar poboación.