A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o alcalde de Lalín e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra supervisaron o funcionamento deste dispositivo na estación de autobuses do municipio

Ethel Vázquez salienta que 550 mozos de Deza viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, con aforros de 1.350 euros ao ano nas viaxes cara a Santiago

Explica que un rapaz de Lalín que empregue o transporte público da Xunta para ir estudar a Ourense ou Lugo aforrará 1.500 euros ano, e ata 1.800 euros se se despraza a Pontevedra

Destaca que coa Xente Nova todos os mozos galegos menores de 21 anos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta

Lalín (Pontevedra), 9 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que 550 mozos da comarca de Deza viaxan gratis por toda Galicia empregando a tarxeta Xente nova da Xunta, que lles permite aforros de 1.350 euros ao ano nas viaxes cara a Santiago.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá na estación de autobuses do municipio o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos por toda Galicia no autobús interurbano da Xunta.

Ethel Vázquez explicou que, ata hai mes e medio, esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, pero agora xa é unha realidade en toda Galicia, desde que o pasado 21 de maio a Xunta estendeu a súa cobertura territorial a toda a comunidade.

Concretou que, a día de hoxe, son 260 os mozos de Lalín que dispoñen deste dispositivo, co que teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta, desprazándose gratuitamente cara aos municipios veciños de Silleda, de Agolada ou de Rodeiro, pero tamén cara a cidades como Santiago, Ourense ou Pontevedra e polos 313 concellos galegos.

Ethel Vázquez remarcou que a tarxeta Xente Nova supón unha conquista social para a mocidade galega no acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, mediante un transporte público gratuíto; un revulsivo no fomento do transporte entre os máis novos; e tamén un alivio para o peto das familias, que quedan liberadas de afrontar o gasto do transporte dos seus fillos.
Trátase, dixo, dunha medida social moi potente e demandada", máis nun concello como Lalín, no que son moitos os mozos que cada día se desprazan a estudar á universidade en Compostela e que agora poden viaxar gratis empregando a Xente Nova.

De feito, segundo explicou, o aforro para a familia dun rapaz de Lalín que se despraza todos os días a estudar a Santiago no transporte público da Xunta acada os 1.350 euros ao ano coa tarxeta Xente Nova, nos 9 meses que dura o curso. No caso dun mozo de Lalín que estude en Ourense ou en Lugo o aforro anual será de 1.500 euros; e se estuda en Pontevedra ese aforro increméntase ata os 1.800 euros ao ano.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salientou que, desde que se estendeu a Xente Nova ao conxunto da Comunidade, o número de tarxetas expedidas en Lalín tense incrementado de xeito significativo: fronte a unha única tarxeta expedida en abril, en maio foron 30 os mozos lalinenses que a solicitaron, e o dobre no mes de xuño, cando se expediron 60 novas tarxetas Xente Nova neste concello.

Ethel Vázquez puxo en valor a culminación, no mes de decembro, da renovación e modernización integral do transporte público da Xunta, para ofrecerlle aos cidadáns servizos máis modernos e mellor adaptados ás súas necesidades de desprazamento, favorecendo a mobilidade no rural, coas novas modalidades de transporte postas en marcha, o transporte compartido e a demanda.

No caso concreto de Lalín, esta modernización do mapa de transportes abrangueu un total de 83 liñas que pasan polo municipio e supuxo incrementar en máis do 100% o número de rutas e en case un 40% as paradas.

Os novos servizos postos en marcha permitiron, segundo explicou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, dotar aos veciños de mellores servizos cara a cidades como Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo, pero tamén mellores conexións entre os distintos núcleos do municipio e cos concellos veciños.

Imaxes relacionadas