O director da Agacal clausurou a terceira edición do curso Gandeiros 20_30 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo
Outra vintena de gandeiros completa a súa formación empresarial no curso organizado pola Xunta no marco da Estratexia do sector lácteo
O responsable da Axencia Galega da Calidade Alimentaria salientou que con estas iniciativas séguese fomentando a profesionalización das explotacións gandeiras galegas
José Luis Cabarcos sinalou ademais que nesta mesma liña a Xunta vén de desenvolver unha aplicación informática, denominada Conta Láctea, que permite aos gandeiros calcular os seus custos de produción e usar esa información na negociación dos prezos
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu esta mañá en Ribadeo a clausura da terceira edición do curso Gandeiros 20-30 que organizou a Xunta no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. O acto tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias, dependente da Consellería do Medio Rural.
O director da Agacal salientou na súa intervención que esta acción formativa, da que se beneficiaron unha vintena de alumnos, enmárcase na Estratexia do sector lácteo, co fin de seguir fomentando a profesionalización das explotacións gandeiras en Galicia.
Ao longo de seis módulos impartidos presencialmente durante seis semanas, os participantes tiveron a oportunidade de acceder ao coñecemento e ás ferramentas necesarias para unha maior xestión e control de custos. O obxectivo é mellorar a eficiencia das súas explotacións a través da busca da innovación nas súas actividades e dun maior valor engadido.
As temáticas das sesións, cada unha delas orientada a unha área de coñecemento específica, profundaron no desenvolvemento de habilidades de negociación, o control de custos, a optimización da xestión fiscal ou a innovación, entre outros. Nas cinco horas que durou cada unha delas, os participantes debateron en conxunto sobre a aplicabilidade dos conceptos adquiridos previamente a unha explotación gandeira e sobre as posibles iniciativas que se desenvolverán máis adiante.
Neste senso, cabe sinalar que acaba de rematar tamén a segunda edición deste curso celebrada no centro de Formación de Sergude, concello de Boqueixón. Foi precisamente alí onde, no mes de maio, se celebraba a primeira edición que clausuraba o propio conselleiro do Medio Rural, José González, e daba conta do éxito deste tipo de formación.
Conta láctea
Nesta liña de profesionalización do sector, o director da Agacal salientou tamén que a Xunta vén de desenvolver unha aplicación informática, denominada Conta Láctea, que permite a un gandeiro comparar os custos da súa explotación leiteira cos resultados medios do sector e do seu estrato de tamaño. Lembrou ademais que esta ferramenta, creada tamén ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo, faille posible ao titular levar a contabilidade completa da súa explotación.
Esta app vai ser presentada proximamente ao sector e permite determinar a un gandeiro o custo de produción de cada litro de leite da súa explotación, ademais de controlar outros parámetros da súa xestión económica, algo de gran utilidade na negociación dos prezos do produto.