Luis López destaca o traballo pola inclusión de Cáritas en Pontevedra e anima á colaboración para o remate do novo albergue de San Javier

O delegado territorial visita as obras de construción do recinto, que contan cunha achega de 300.000€ da Xunta, e solicita o apoio das administracións e de toda a sociedade para rematar o inmoble

O albergue, que prevé concluirse o vindeiro ano, terá 26 prazas e completarase cun centro de formación, roupeiro, banco de alimentos e zona de calor de café para persoas sen fogar

"É fundamental a implicación de todos para acometer a segunda fase, xa que terá nove vivendas de longa estancia e é un gran paso para reintegrar a xente sen recursos de Pontevedra", sinala

Pontevedra, 9 de xullo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá as obras de construción do novo Albergue de San Javier, impulsado por Cáritas Diocesana na rúa Joaquín Costa da capital provincial, e animou á colaboración institucional e da sociedade con esta iniciativa para permitir o seu remate para o vindeiro ano.
"O traballo de Cáritas a prol da inclusión e a integración social da xente máis desfavorecida e vulnerable e na atención ás persoas sen fogar de Pontevedra e a súa contorna é digno de eloxio e merecente de todo apoio, polo que hai que aplaudir que aposte por unha instalación moderna, con todos estes servizos e cun forte investimento, de máis dun millón de euros, para que ninguén quede atrás", salientou o representante autonómico.
O delegado territorial lembrou que as obras de construción deste recinto, que dará o relevo aos servizos existentes no barrio de Monteporreiro, contan cunha achega de 300.000 euros por parte da Xunta de Galicia e solicitou publicamente o apoio económico doutras administracións e incluso da sociedade civil "para poder completar as dúas fases deste ambicioso e necesario proxecto, que redundará na diminución da pobreza e na atención e acompañamento aos máis desfavorecidos, especialmente a aqueles que non teñen un teito".
Luis López coñeceu o estado das obras na compaña do director diocesano de Cáritas, Anuncio Mouriño, e louvou o traballo e traxectoria realizados por Cáritas ao longo de todos estes anos e a súa intención de ofrecer unha atención integral ás persoas sen fogar da cidade.
"Está claro que un proxecto desta envergadura, en pleno centro da cidade, que contará con albergue de 26 prazas, contemplando por vez primeira seis para mulleres, banco de alimentos, centros de formación e zona de calor e café dá cumprida resposta a unha necesidade porque o último que hai que facer é tapar os ollos. Temos que asumir que é unha realidade, afortunadamente moi pequena, pero hai que axudar a estes veciños a saír adiante", manifestou o representante autonómico.
A primeira fase, que contempla todos estes servizos, xa ten garantida a súa execución grazas ao respaldo da Xunta de Galicia, pero Cáritas proxecta unha segunda, orzamentada en 250.000 euros, que precisa de colaboración, xa que a entidade só pode asumir o 50% do seu custo. "A creación de nove vivendas de longa estancia no segundo andar é unha gran iniciativa, xa que supón un primeiro paso fundamental para a recuperación da autonomía persoal destes veciños", concluíu Luis López.

Imaxes relacionadas