A Xunta investirá case 900.000 euros na mellora da estrada PO-546 na zona de Estribela, no concello de Pontevedra

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

O Goberno galego está a ultimar o proxecto para investir case 900.000 euros na primeira fase de mellora da estrada PO-546 na zona da Estribela, un obxectivo no que vén traballando desde hai moitos meses.

Ese proxecto de mellora da seguridade viaria da vía coñecida como a estrada vella de Marín comezou a redactarse a finais do pasado ano 2020. Unha vez rematada a redacción e supervisado pola Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto someterase ao procedemento de información pública tras o verán para, a continuación, licitar e executar as obras.

Os traballos teñen como finalidade mellorar a seguridade viaria da estrada PO-546 no treito comprendido entre os puntos quilométricos 4+400 e 4+890, para o que se modificará a sección transversal da estrada:

  • Ampliarase a anchura das beirarrúas ata acadar un mínimo de 2 metros.
  • Acometerase unha ampliación puntual da sección transversal entre o PK 4+515 e o 4+540, entre o 4+605 e o 4+665 e entre o 4+770 e 4+805.
  • Fresado e reposición de firme.

Ademais, levaranse a cabo as seguintes actuacións:

  • Mellora da iluminación.
  • Execución de pasos de peóns sobreelevados, con iluminación específica.
  • Substitución de marquesiñas en paradas de autobús.
  • Reposición de sinalización, tanto de marcas viarias como da sinalización vertical.
  • Reposición de elementos de drenaxe e servizos afectados

A ampliación da plataforma en diferentes puntos dese treito de vía fai necesario executar actuacións complementarias moi complexas pola configuración das marxes da estrada que rexistran fortes desniveis. Iso obrigará a construír unha estrutura en voadizo nun punto, noutro construirase un muro de contención e noutro haberá que demoler varias edificacións en ruínas e en desuso e se executará un recheo de terra.

Mellora das estradas de Pontevedra

A reforma da estrada PO-546 enmárcase no gran esforzo que vén realizando a Xunta nos últimos anos na mellora da rede viaria autonómica no concello de Pontevedra, con especial atención ao reforzo da seguridade viaria.

Destacan os proxectos levados a cabo na estrada PO-531, Pontevedra-Vilagarcía de Arousa, na zona da Devesa, onde actualmente se está a executar unha senda peonil, cun investimento de 760.000 euros e onde no ano 2019 rematou de executarse unha obra de mellora da seguridade viaria por máis de 460.000€.

O pasado mes de xaneiro a Xunta puxo en servizo a nova senda peonil construída en San Caetano, na parroquia de Alba, dando servizo aos veciños e aos peregrinos do Camiño Portugués, cun investimento de 650.000€.

Ademais, están a ultimarse as actuacións proxectadas en colaboración con STOP Accidentes para mellorar a seguridade viaria da contorna de Xeve, que foron sometidas a información pública o pasado mes de agosto. As actuacións, que se centrarán na estrada PO-224 en Santo André de Xeve e na PO-223 na Piolla-Couso-Sobral, suporán un investimento de aproximadamente 1,8M€.

Actuacións que, no seu conxunto, e contabilizando esa primeira fase de mellora da estrada PO-546 na zona de Estribela, supoñen un investimento da Xunta de preto de 4,6 millóns de euros para reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas no concello de Pontevedra.

A Xunta lamenta a falta de rigor do Partido Socialista, que pretende empregar politicamente un asunto tan serio como a seguridade viaria sen dar conta do traballo que está a desenvolver nesta materia a Axencia Galega de Infraestruturas e do que ten coñecemento a través de numerosas iniciativas parlamentarias.