O ciclo ‘Danza 3’ celebra o Xacobeo 21-22 con baile e música tradicionais en 15 localidades

A Xunta e o colectivo XOC promoven a novena edición do programa, que arranca esta fin de semana coas actuacións de Xacarandaina en Burela mañá sábado e de Cantigas e Agarimos en Marín e de O Fiadeiro en Moaña o domingo 11

O percorrido destas tres agrupacións estenderase durante todo o verán, viaxando tamén ata os municipios de Cambados, Carballo, Carnota, Carral, A Guarda, A Laracha, Negreira, O Carballiño, Poio, Ribadeo, Sober e Vedra

Ademais deste programa, durante este verán o Goberno autonómico está a impulsar máis de 3.000 actividades cun investimento superior aos 9 millóns de euros

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia ofrece esta fin de semana as tres primeiras das 15 citas protagonizadas por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina dentro dunha nova edición do ciclo Danza 3. A Xunta de Galicia e o colectivo XOC, integrado polas devanditas agrupacións, promoven por noveno ano consecutivo esta iniciativa de difusión do baile e a música tradicionais, desta volta como parte da programación cultural do Xacobeo 21-22.

Con este motivo, amplíase o percorrido do ciclo, que o ano pasado e a pesar das restricións sanitarias foi quen de manter a meirande parte das representacións previstas. Esta nova viaxe polas prazas e rúas dos 15 concellos participantes dará comezo mañá sábado en Burela, onde actuará a formación coruñesa Xacarandaina ás 20,00 h. na praza da Mariña.

O domingo 11 será a quenda de O Fiadeiro, de Vigo, que se desprazará ata Moaña para despregar o seu espectáculo de danza tradicional ás 20,00 h. no parque San Bartolomeu de Meira; e da agrupación compostelá Cantigas e Agarimos, que se presentará ás 21,30 h. no parque Eguren de Marín.

Ata finais de setembro

A programación completa estenderase ata finais de setembro por diferentes espazos ao aire libre e auditorios para compoñer un calendario de encontros festivos co público en 15 municipios: Cambados, Carballo, Carnota, Carral, A Guarda, A Laracha, Negreira, O Carballiño, Poio, Ribadeo, Sober e Vedra, ademais dos devanditos concellos de Burela, Marín e Moaña. Serán 12 citas centradas na danza e outras tres na música, nas que estas formacións artísticas exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio e nas que buscarán implicar os viandantes.

Así, tras a súa actuación de mañá, Xacarandaina estará con Danza 3 en Carballo (16 de xullo), na localidade larachesa de Caión (18 de xullo), Ribadeo (24 de xullo) e Carral (24 de agosto). No caso de O Fiadeiro, os seus seguintes destinos serán A Guarda (17 de xullo), Poio (7 de agosto), Sober (18 de setembro) e Vedra (25 de setembro). Por último, Cantigas e Agarimos completa o calendario coas súas actuacións no Carballiño (8 de agosto), Cambados (15 de agosto), Negreira (21 de agosto) e Carnota (27 de agosto).

Difusión do folclore galego

Coa edición de 2021 de Danza 3, colabórase por noveno ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

Ademais deste programa, durante o verán de 2021 a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se suman á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecen a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as disciplinas artísticas e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

Imaxes relacionadas