Política Social aposta polas actividades medioambientais e arqueolóxicas no campo de voluntariado de Castro de Vilar

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta tarde as instalacións de Folgoso do Courel

Esta actividade inclúe desde obradoiros de barro e pintado de camisetas ou actividades acuáticas ata xogos nocturnos, como foros de debate e musicais

 

Folgoso do Courel (Lugo), 8 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o campo de voluntariado de Castro de Vilar, onde subliñou a importancia do coidado do medio ambiente e das actividades arqueolóxicas á hora de gozar dun tempo de ocio e de lecer san e respectuoso coa contorna durante a temporada estival.

Este campo de voluntariado de Lugo, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, céntrase na arqueoloxía e no coidado do medio ambiente, e inclúe un programa con diferentes actividades, como obradoiros de pintado de camisetas, barro e técnicas sobre o coidado e a protección da natureza. As actividades acuáticas, como canoa ou paddle board, e nocturnas, como os foros de debate, completan a oferta lúdica desta iniciativa autonómica.

As mozas e mozos que participan nesta actividade, de entre 18 e 30 anos, levarán acabo iniciativas relacionadas coa conservación e a mellora da contorna na que se celebra o campo. Ademais, colaborarán en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos existentes na zona que contan cun importante valor patrimonial e turístico.

Trece novas propostas

Trátase dun dos 13 novos campos que se suman este ano como novidade á Campaña de Verán, que a través do total de actividades programadas ofrece máis de 7800 prazas. Todos os campos de voluntariado contan con 12 participantes para favorecer que se cumpran as medidas de prevención fronte á covid-19.

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.