A música emerxente toma a praia baionesa da Barbeira no marco do programa de “O teu Xacobeo”

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe a presentación do Barbeira Season Fest, no que os galegos Los Marcianos, Baiuca, Moura e Kings of the Beach compartirán escenario con Viva Suecia, unha das bandas máIs representativas do indie nacional

Baiona acollerá os vindeiros 27, 28 e 29 de agosto a terceira edición deste encontro con accións vinculadas ao Camiño Portugués da Costa e que conta co apoio do Goberno galego

Vigo, 8 de xullo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe a presentación do Barbeira Season Fest, un encontro directamente ligado ao Camiño de Santiago, que se celebrará os vindeiros 27, 28 e 29 de agosto en Baiona no marco do programa de “O Teu Xacobeo”. Por terceiro ano consecutivo, a música emerxente volverá a tomar a praia da Barbeira cunha proposta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán polos municipios que atravesa o Camiño Portugués da Costa; A Guardia, Oia, Nigrán, Vigo e Redondela.
Un cartel de luxo no que os galegos Los Marcianos, Baiuca, Moura e Kings of the Beach compartirán escenario cos murcianos de Viva Suecia, unha das bandas de indie máis representativas do panorama nacional. Repartidos en dous escenarios, na praia baionesa de Barbeira e a horta do Parador Conde de Gondomar, o resto de actuacións corresponderán á Ladilla Rusa, Confeti de Odio, Mujeres, Basanta, Tronco, Laborde, Aiko El Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia e La Claridad.
Un festival, que a Xunta apoia cunha achega de 25.000 euros, nutrido de distintos contidos, cunha proposta que mistura “valores de peregrinaxe, sustentabilidade, cultura, gastronomía e música”, tal e como explicou a representante autonómica, con espazos que servirán de soporte para potenciar aos novos creadores galegos pero, sobre todo, para a difusión do Camiño de Santiago.
A conexión coa tradición mariñeira e costeira deste Camiño será tamén un punto importante nesta cita estival. Por unha banda, a través da gastronomía, na que participarán estrelas Michelin e cociñeiros locais, e con accións de reciclaxe e respecto cara aos nosos mares.
“Un Xacobeo deseñado para todos e para toda Galicia”, destacou Fernández-Tapias, que convidou a aproveitar ao máximo a oportunidade que supón a celebración deste dobre Ano Santo, especialmente naqueles territorios que contan co plus de ser rutas xacobeas. Así recordou que o Xacobeo está presente en citas tan importantes como o Vive Nigrán, Atlantic Fest, o Underfest ou o Marisquiño, entre outros moitos.
“Facer de Galicia un destino competitivo de primeiro nivel é unha responsabilidade colectiva e un reto ante un turista cada vez máis exixente, polo que debemos potenciar as nosas fortalezas, as que nos colocaron como un dos destinos máis valorados no 2019, e o noso modelo turístico seguro e de calidade”, subliñou.
Xa para rematar, Fernández-Tapias amosou a súa gratitude ás empresas promotoras, polo esforzo que están a realizar para sacar adiante os seus proxectos nun contexto marcado pola incerteza da crise sanitaria; e ás firmas comerciais que prestan o seu apoio a todas estas iniciativas, unindo os seus obxectivos corporativos con iniciativas musicais e culturais como o é este Barbeira Season Fest.

Imaxes relacionadas