Feijóo avanza unha achega de 48,5 M€ ata 2022 para incrementar as oportunidades laborais de 19.000 desempregados a través da formación
Precisa que esta oferta contará con dúas vertentes: por unha banda, a que se impartirá en entidades galegas acreditadas, e, por outra, os cursos que se desenvolverán nos centros de formación para o emprego, dependentes da Xunta de Galicia
Subliña que as accións formativas, cun máximo de 15 alumnos por curso, estarán tamén activas a través do novo Campus Virtual
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 48,5 millóns de euros ata 2022 para ampliar as oportunidades laborais de 19.000 desempregados a través da formación.
Tras a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que esta oferta contará con dúas vertentes: por unha banda, os cursos que se impartirán en entidades galegas acreditadas, que suporán 1.107 ciclos para 16.600 alumnos; e, por outra, os cursos que se ofertarán nos centros de formación para o emprego, dependentes da Xunta de Galicia.
Sobre este segundo punto, do que se informou hoxe no Consello da Xunta, subliñou que a través desta oferta habilitaranse 2.445 prazas e 163 cursos -un 28% máis que na edición anterior-, con 74.700 horas de docencia.
Cómpre salientar que os cursos estarán tamén activos a través do novo Campus Virtual da Xunta, dando resposta así á demanda da sociedade e do tecido empresarial para estender a cobertura da formación a todo o territorio.
Cun máximo de 15 alumnos por curso, estes agruparanse en 17 familias profesionais, aliñadas coas necesidades da realidade produtiva: algunhas xa coñecidas, centradas en administración e xestión, especialidades agrarias, electricidade, enerxía e auga, mecánica, hostalería, informática, mantemento, imaxe persoal, entre outros eidos; e outras sobre formación complementaria en competencias clave -lingua galega, castelá, inglés e matemáticas- e idiomas.
Feijóo salientou que o desemprego en Galicia alenta “unha diminución do 14% nos últimos meses, sendo a Comunidade Autónoma con maior baixada de paro en España”.