O ensaio gañador do premio Ramón Piñeiro 2020 analiza a utilización do folclore polo franquismo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a obra ‘De imperios e danzas’, de Xosé Manuel Núñez Seixas, no Consello da Cultura Galega

Destacou o papel do Premio para fomentar a creación e divulgación en lingua galega de traballos de calidade, amenos e críticos, sobre temas moi variados

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía, no Pazo de San Roque, na presentación da obra De imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo, coa que Xosé Manuel Núñez Seixas se fixo o pasado decembro co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a amenidade, claridade e, ao tempo, profundidade crítica do traballo de Núñez Seixas, unha mostra máis de como o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro fomenta a creación e divulgación en lingua galega de obras de calidade sobre temas moi diferentes e cumpre sobradamente o obxectivo para o que foi creado, expresou.
 

Xunto con Valentín García, participaron na presentación Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega; Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural galega; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e o autor da obra, Xosé Manuel Núñez Seixas.

De imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo presenta o fenómeno da utilización do folclore e dos seus símbolos por parte do franquismo. Faino baseándose nunha ampla e rigorosa documentación, aplicando un enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas e vencellando os feitos históricos analizados co presente.

O autor, Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966), é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia. É catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e autor de numerosos artigos e monografías. As súas investigacións céntranse na análise comparada dos nacionalismos, nos estudos migratorios e na historia cultural da guerra. En 2019 foi Premio Nacional de Ensaio.

Imaxes relacionadas