A Xunta inicia as obras de renovación integral do firme e modernización do balizamento da estrada PO-212, Rodeiro-Agolada, nas que inviste 1,1 M€

O delegado territorial, Luis López, asistíu esta mañá ao comezo desta actuación, orientada ao reforzo da seguridade viaria e mellora da mobilidade, na saída do casco urbano de Rodeiro cos alcaldes Rubén Quintá e Luis Calvo

A obra inclúe a instalación de 1.500 captafaros para mellorar a visibilidade e as condicións circulatorias dos 4.700 veciños da zona

Rodeiro, 8 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe as obras de renovación e reparación integral do firme e modernización do balizamento e da sinalización da estrada autonómica PO-212, entre os concellos de Rodeiro e Agolada, cun orzamento de 1.110.769€.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistíu esta mañá ao comezo desta actuación na saída do casco urbano da capital de Camba xunto aos alcaldes de Rodeiro e Agolada, Rubén Quintá e Luis Calvo, respectivamente.

O representante autonómico explicou que esta mellora “é necesaria, xa que a pavimentación foise deteriorando pola carga de tráfico, o paso do tempo e os efectos da climatoloxía e por iso dende a Xunta impulsamos este proxecto co obxectivo de que estea rematado e a disposición dos usuarios a comezos do vindeiro ano”.

A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada autonómica co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria, así como as condicións de condución e circulatorias, beneficiando aos case 4.700 veciños de ambos os municipios que a empregan de xeito habitual.

Deste xeito, acometeranse traballos diferenciados, segundo o estado do firme nas diversas zonas, que incluirán o fresado e a eliminación de cinco centímetros da capa de rodadura -naqueles puntos onde está máis prexudicado e que suman 250.000m²- e a súa posterior reposición con máis de 6.000 toneladas de mestura bituminosa en quente previa aplicación dunha rega de adherencia. Así mesmo, está previsto que, en toda a vía, se aplique microaglomerado en frío para minimizar o futuro desgaste da capa de rodadura e favorecer a adherencia dos vehículos.

Paralelamente, a Xunta vai repoñer todas as marcas viarias, como a sinalización do eixo central da calzada e os bordes da estrada, e vai colocar máis de 1.500 elementos de balizamento, co formato de captafaros, para incrementar a visibilidade.

Cómpre sinalar que tamén está previsto que, en aras da seguridade, se reduza lixeiramente o ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas no marco das actuacións complementarias de modernización da estrada.

Luis López, que lembrou o cumprimento do compromiso de comezar as obras no verán, destacou “o elevado grao de compromiso da Xunta de Galicia coas infraestruturas, que están a recibir uns fortes investimentos en toda a provincia para mantelas nas mellores condicións e que, no caso do Deza, vanse plasmar nesta conexión entre Rodeiro e Agolada para favorecer a comunicación entre dous concellos cunha elevada relación e mobilidade”.

Imaxes relacionadas