A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, clausurou as charlas celebradas na cidade compostelá

As charlas de Primaveira Xove finalizan hoxe en Santiago de Compostela o seu percorrido por Galicia centradas na cultura e a creatividade

Nos encontros de hoxe se puideron escoitar cinco voces gañadoras da Gala Xuventude Crea desde o ano 2014 ata o 2020 nas categorías de música e graffiti

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

O programa Primavera Xove da Xunta de Galicia chega ao final da súa programación dirixida á mocidade galega coa celebración das últimas charlas este mércores 7 de xullo en Santiago de Compostela. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ao relatorio centrado na cultura e a creatividade que impartiron esta tarde varios artistas galegos no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC).

Nas charlas de hoxe puidéronse escoitar cinco voces gañadoras da Gala de Xuventude Crea desde o ano 2014, como é o caso da artista visual Iria Fafián, ilustradora e muralista gañadora na categoría de Graffiti; ou o do artista urbano Mon Devance, que foi galardoado no mesmo ámbito no ano 2015. Tamén participaron os gañadores do ano 2019 de Graffiti Miguel Cajaraville, Höney, e Fernanda Rodríguez Miguelez. Por último, o grupo musical Battosai impartiu outra das charlas que tiveron lugar este mércores, tamén gañadores da Gala de Xuventude Crea no ano 2020 no rango musical.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado salientou a importancia destas actividades, que hoxe rematan e que foron postas en marcha por primeira vez este ano para garantir que a xuventude manteña un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos e de espazos de entretemento. Así, a través deste programa a Xunta de Galicia quixo ofrecer alternativas de lecer educativo e responsable en tempos de covid-19 para que puidesen ser complementarias ao currículo académico das mozas e mozos, e traballar á súa vez habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para ou seu desenvolvemento persoal e profesional.