Política Social promove o coñecemento arqueolóxico e astronómico na mocidade co campo de voluntariado de Larouco e co campamento de San Xoán de Río

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou as dúas actividades que se están a desenvolver na provincia ourensá

O campo de voluntariado inclúe actividades como sondaxes e escavacións arqueolóxicas, así como obradoiros de reciclaxe, kaiak ou viaxes en catamarán polo canón do Sil

No campamento, pola súa banda, lévanse a cabo iniciativas deportivas, observatorios virtuais das estrelas, sendeirismo ou acampada, entre outras actividades

Larouco (Ourense), 7 de xullo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe o campo de voluntariado Castrillón, e o campamento do Astronomía e Natureza de San Xoán de Río, onde destacou a importancia do fomento do coñecemento arqueolóxico e astronómico na mocidade galega.

O campo de voluntariado de Larouco, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, é unha iniciativa centrada no coidado do medio ambiente e na arqueoloxía que inclúe un programa de diferentes actividades, como obradoiros de reciclaxe, kaiak ou catamarán polo canón do Sil. Trátase dun dos 13 novos campos que se suman este ano como novidade á Campaña de Verán, que a través do total de actividades programadas ofrece máis de 7800 prazas. Todos os campos de voluntariado contan con 12 participantes para favorecer que se cumpran as medidas de prevención fronte á Covid-19.

As mozas e mozos que participan nesta actividade, forman un equipo de traballo cuxa principal actividade desenvolvese no propio xacemento arqueolóxico de Castrillón, pero ademais tamén se están a levar a cabo actividades como sondaxes arqueolóxicas nas que os participantes integran un equipo de especialistas e participan nunha escavación arqueolóxica que ten como especial misión localizar materiais e estruturas que lles poidan axudar a datar este milenario poboado fortificado. Tamén se fabrican e colocan caixas-niño, ou estudan a fauna e flora da contorna mediante a realización de pequenos percorridos polo concello.

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Observatorio de estrelas en San Xoán de Río

Cristina Pichel visitou, así mesmo, o campamento sobre Astronomía e Natureza que se está a desenvolver no Albergue Xuvenil de San Xoán de Río, onde os nenos e nenas estaban a realizar tiro con arco. Neste campamento lévanse a cabo diferentes actividades deportivas, observatorios virtuais das estrelas, sendeirismo ou acampada, entre outras actividades.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou a enorme importancia que teñen estas actividades, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos galegos durante a temporada estival e á súa vez mostrar o respecto que a natureza merece e precisa mentres se contribúe á súa conservación e mellora.