A Xunta mellora o equipamento da depuradora de Quiroga cun investimento de preto de 30.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou os traballos, que facilitan o control e medición das augas entrantes e tratadas

Quiroga (Lugo), 7 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou os traballos de mellora da estación depuradora de augas residuais que dá servizo ao núcleo urbano de Quiroga, nos que investiu 28.800 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se dotou de novo equipamento para mellorar o control e medición do caudal de auga residual entrante e de auga tratada. Así, incorporáronse senllos caudalímetros de entrada e saída, un contador electrónico e outros aparatos de comprobación do rendemento da instalación.

Así mesmo, incluíuse unha segunda bomba de apoio no pozo de bombeo de entrada para garantir o funcionamento da depuradora, xa que con só unha bomba poderían producirse danos, e mesmo verteduras, en caso de avaría.

Deste xeito, concretou Arias, “ademais de evitar posibles vertidos por fallos no pozo de bombeo, conseguimos unha monitorización completa da planta, coa que se poden detectar posibles anomalías no funcionamento e resolvelas coa maior axilidade”.

O delegado subliñou a importante colaboración que presta a Xunta ás Administracións Locais na planificación, execución e financiamento de infraestruturas hidráulicas de abastecemento, saneamento e depuración, que son servizos de competencia municipal básicos para a cidadanía.