A Xunta adxudica por 5,1 M€ os servizos de conservación dos treitos interurbanos dos ríos da demarcación Galicia-Costa para os 2 vindeiros anos

A Xunta incrementa en máis do 65% o investimento nestes contratos para garantir o mantemento de 15.000 km de ríos xestionados por Augas de Galicia

Trátase da conservación da rede fluvial das bacías de Galicia-Costa nas 3 zonas de competencia autonómica: norte, centro e sur, que inclúen as correspondentes augas costeiras e de transición

As tarefas abranguen tanto as actuacións de carácter preventivo como correctivo, para facilitar o libre discorrer das augas e acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 5,1 millóns de euros os servizos de conservación, mellora e mantemento dos treitos interurbanos dos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa para os dous vindeiros anos.
Estes contratos de mantemento do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa foron adxudicados na zona norte á empresa Eulen S.A; na zona centro, a Servitec Medio Ambiente S.L; e na sur, a Geseco, por importe de preto de 1,7 millóns de euros por cada un dos lotes.
Para darlle continuidade ao programa que se viña desenvolvendo neste ámbito, a Xunta contrata estes servizos, cun incremento de máis do 65% no investimento con respecto ao contrato vixente.
O obxectivo é garantir a continuidade das actuacións de conservación da rede fluvial xestionada por Augas de Galicia, que está composta por 15.000 quilómetros de ríos. Augas de Galicia ocúpase da súa conservación e mantemento en todos os treitos interurbanos, mentres que aproximadamente 270 quilómetros se corresponden con treitos urbanos, de responsabilidade municipal.
Estes traballos comprenden a execución das tarefas periódicas de conservación da rede fluvial das bacías de Galicia Costa, nos ámbitos das tres zonas hidrográficas de competencia autonómica: Galicia-norte, Galicia-centro e Galicia-sur, nas que se inclúen as correspondentes augas costeiras e de transición.
Máis en concreto, a zona hidrográfica de Galicia-norte abarca as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao mar Cantábrico e as das do océano Atlántico ata a bacía do río Grande, esta incluída. A zona Galicia-centro, que comprende as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a zona hidrográfica de Galicia-norte e ata a bacía do río Ulla, tamén incluída. E a zona de Galicia-sur, que abarca as bacías dos ríos intracomunitarios vertentes ao océano Atlántico, entre a zona hidrográfica de Galicia-Centro e ata a desembocadura do río Miño.
Os traballos obxecto de contratación consistirán, principalmente, na execución das intervencións establecidas previamente no programa anual de actuacións de conservación fluvial deseñado desde Augas de Galicia. En dito contrato tamén se teñen en conta as actuacións non programadas, que de xeito ocasional deberán ser tamén obxecto deste servizo.
Deste xeito, as tarefas incluirán tanto as actuacións de carácter preventivo como correctivo, que teñen como obxecto principal facilitar o libre discorrer das augas, así como acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos que favorezan os aspectos medioambientais no contorno fluvial, sendo respectuosas en todo momento co contorno.
En xeral, estas actuacións recuperarán o funcionamento natural do leito do río, rehabilitando a sección hidráulica en puntos sensibles, recuperando os procesos hidrolóxicos, aumentando a heteroxeneidade e o seu grado de naturalidade.

Actuacións

Entre as tarefas obxecto deste contrato inclúense, en primeiro lugar, as intervencións de conservación fluvial, que abarcan os labores de acondicionamento ambiental do tramo do leito do río afectado ou con incidencias. Actúase na retirada de sedimentos, eliminación de obstáculos do leito do río e das zonas de servidume, atrancos de madeira, cortas e podas de árbores e demais actuacións precisas.
Como segundo cometido, o contrato inclúe as intervencións singulares, como son as actuacións de restauración, nas que se atopan as de recuperación de estrutura e funcionamento natural dos leitos; e as de rehabilitación para a recuperación dun estado similar ao natural. Neste apartado inclúense, ademais, a mellora ambiental no entorno dos ríos, así como a adecuación dos tramos fluviais que puideran resultar necesarios dentro do eido do obxecto do servizo.
O terceiro ámbito de traballo correspóndese coa recompilación de datos, redacción de informes e comunicacións entre os diferentes actores participantes.