O titular do Goberno galego visitou este mediodía a liña de produción da versión eléctrica dos vehículos comerciais lixeiros na planta de Stellantis, en Vigo

Feijóo constata o papel referente da planta viguesa para o grupo Stellantis, para o sector en Galicia e para o conxunto da automoción a nivel mundial

Asevera que a fabricación en Galicia dunha nova xeración de vehículos evidencia que a Comunidade ten moito que dicir no futuro desta industria grazas á competitividade e á capacidade innovadora e tecnolóxica da cadea de valor

Reitera o compromiso do Goberno galego coa automoción galega e os novos retos ante a mobilidade do futuro

Insiste na oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation co proxecto AutoAncora, impulsado por Stellantis con CEAGA e o CTAG, e que aspira a captar un investimento de 1.300 millóns de euros, creando 900 empregos e implicando a 85 empresas

Incide na necesidade dunha subestación en Balaídos, “unha instalación aprobada desde hai anos e que esperamos que volva á planificación porque, se non, estaría a producirse unha discriminación inxusta”

Vigo, 7 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe o papel referente da planta viguesa para o grupo Stellantis, para o sector en Galicia e para o conxunto da automoción a nivel mundial. “Estamos a falar dun dos motores económicos da Comunidade”, aseverou.

Durante unha visita este mediodía á liña de produción da versión eléctrica dos vehículos comerciais lixeiros nesta planta, Feijóo aseverou que a fabricación en Galicia dunha nova xeración de vehículos proba que esta factoría é quen de reaccionar a unha demanda crecente deste segmento e de dar unha resposta en clave de sustentabilidade -como esixe a nova mobilidade-. E evidencia que Galicia ten moito que dicir no futuro do sector grazas á competitividade e á capacidade innovadora e tecnolóxica da cadea de valor.

Nesta liña, destacou o papel tractor da industria da automoción galega, capaz de xerar récords en 2020, cunha facturación que ascendeu aos 10.450 millóns de euros, dando emprego a case 25.000 persoas. “E esta factoría conseguiu converterse durante a pandemia na planta de maior produción de España, fabricando case un de cada catro coches en España, o 22,2%”, precisou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo reiterou o compromiso do Goberno galego coa automoción galega e os novos retos ante a mobilidade do futuro, incidindo na vía da colaboración público-privada para alcanzar novas cotas de desenvolvemento.

Ao respecto, lembrou que desde 2009 a Administración autonómica leva inxectados un total de 210 millóns de euros, canalizando moitas destas achegas a través de programas como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación.

Así mesmo, recalcou a oportunidade que suporán os fondos europeos Next Generation, referíndose ao proxecto AutoAncora; unha iniciativa, impulsada por Stellantis con CEAGA e o CTAG, que aspira a captar un investimento de 1.300 millóns de euros, creando 900 empregos e implicando a 85 empresas.

“Estamos a falar dun proxecto para mellorar a competitividade en canto a optimización de fluxos loxísticos, a innovación, o desenvolvemento do vehículo conectado e autónomo, ou a propulsión limpa con electricidade e hidróxeno verde”, resaltou.

Por último, o responsable do Goberno galego aproveitou o acto para incidir na necesidade dunha subestación en Balaídos, que suporía unha calidade na alimentación eléctrica e un abaratamento do custo; “unha instalación aprobada desde hai anos e que esperamos que volva á planificación porque, se non, estaría a producirse unha discriminación inxusta”, concluíu.

Imaxes relacionadas