A Xunta adxudica as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312 no concello de Lobios

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo estimado de execución de 3 meses

Acondicionaranse os camiños da marxe esquerda en dous tramos da vía autonómica, un á saída do núcleo de Lobios, e o outro no tramo próximo ao núcleo de Vilameá para facilitar o acceso ás vivendas

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312 ao seu paso polo concello de Lobios.

A intervención, adxudicada á empresa Benito Bastos S.A. por máis de 48.000, iniciarase nas vindeiras semanas. As obras contan cun prazo de execución de tres meses.

Trátase de acondicionar os camiños de servizo na marxe esquerda de dous tramos desta vía autonómica, en concreto á saída do núcleo de Lobios, no punto quilométrico 2+120, e no tramo próximo ao núcleo de Vilameá, entre o punto 5+610 e o 6+170.

No punto quilométrico 2+120 actuarase nun pequeno treito antigo da estrada, que actualmente se atopa parcialmente en desuso, cun dos accesos impedido. O outro extremo si ten acceso á estrada e dá servizo a un grupo de casas próximas.

A actuación neste tramo ten como obxectivo seu acondicionamento, tanto para mellorar o acceso ás vivendas próximas, como para permitir o cambio de sentido desde a estrada OU-312. As actuacións neste treito consistirán na limpeza da calzada, na extensión dun dobre tratamento superficial no firme e na reordenación da circulación para unha mellor seguridade viaria. Tamén se mellorará a drenaxe da zona.

O tramo da vía do punto quilométrico 5+610 ao 6+170 é un camiño servizo paralelo á estrada que dá acceso a varias vivendas e vías secundarias. Neste camiño as tarefas previstas consistirá na limpeza e na regularización da calzada, así como na extensión dun dobre tratamento superficial en todo o tramo.

Ademais, o contrato inclúe a execución dun murete de perpiaño para protexer un desnivel existente entre o camiño e a estrada, entre os puntos quilométricos 5+935 e 6+050. Esta actuación complétase coa execución ao pé do murete dunha cuneta revestida.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes.

Imaxes relacionadas