A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe na estación de autobuses de Ferrol o funcionamento deste dispositivo

Ethel Vázquez destaca que case 10.000 mozos da área de Ferrol viaxan gratis á Coruña e por toda Galicia coa Tarxeta Xente Nova, aforrando ata 1.350 € ao ano

Vázquez Mourelle explica que empregando a Xente Nova todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta

Resalta a vantaxe engadida que supón para os mozos de Ferrol, que poden viaxar de balde no transporte urbano que presta a Xunta a través dos seus contratos, ao non dispoñer o municipio deste servizo, pese a estar obrigado como concello de máis de 50.000 habitantes

Ferrol, 7 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que case 10.000 mozos da área de Ferrol viaxan gratis á Coruña e por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que lles permite aforros de ata 1.350 euros ao ano.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou na estación de autobuses de Ferrol o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos por toda Galicia no bus interurbano da Xunta.

Tal e como sinalou a conselleira, ata hai mes e medio, esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, polo que os mozos de Ferrol xa podían viaxar gratis entre os concellos veciños: por exemplo, entre Ferrol e Valdoviño, por estar xa operativo este dispositivo na área.

Agora que a tarxeta Xente Nova xa é unha realidade en toda Galicia, os 4.260 mozos de Ferrol de menos de 21 anos e os 9.800 da área que teñen o dispositivo poden desprazarse tamén de balde no autobús da Xunta á Coruña ou a Santiago por motivos de estudo ou de ocio, ao igual que desprazarse polos 313 concellos da comunidade.

Ethel Vázquez resaltou que empregando este dispositivo todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.
Apuntou que esta medida supón unha conquista social para a mocidade galega no acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, mediante un transporte público gratuíto; un revulsivo no uso do transporte para os máis novos; e tamén un alivio para o peto das familias, que quedan liberadas de afrontar o gasto do transporte dos seus fillos.

Ethel Vázquez puxo como exemplo que a familia dun rapaz de Ferrol que se despraza todos os días a estudar á Coruña aforrará 1.350 euros ao ano no transporte da Xunta nos 9 meses de curso grazas á Xente Nova.

Salientou que, desde que se estendeu Xente Nova a toda Galicia, o número de tarxetas expedidas en Ferrol se ten multiplicado por 4: en abril expedíronse 25 e no mes de xuño as tarxetas solicitadas no municipio acadaron as 100, unha cifra que se espera incrementar en adiante. O dispositivo pode solicitarse en 213 oficinas de Abanca habilitadas en toda Galicia.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse tamén á vantaxe engadida desta tarxeta para os mozos de Ferrol con respecto ao que acontece noutras cidades como Lugo, Santiago ou A Coruña. Explicou que, ao non dispor Ferrol de transporte urbano, pese a estar obrigado como concello de máis de 50.000 habitantes, é a Xunta de Galicia a que vén prestando este servizo de transporte urbano a través dos seus contratos de transporte, polo que os menores de 21 anos de Ferrol viaxan tamén gratis no transporte urbano que está a prestar a Xunta.

Puxo en valor a culminación en decembro da renovación integral do transporte público dependente da Xunta, co obxectivo de ofrecer aos cidadáns servizos máis modernos e mellor adaptados ás súas necesidades de desprazamento. No caso da área de Ferrol, renováronse arredor de 100 liñas que dotaron os veciños de mellores conexións cara á cidade da Coruña e tamén dunha maior cobertura e coordinación no transporte entre os municipios da comarca.

Ademais, o seguimento continuo que vén realizando o Goberno galego propiciou unha adaptación dos servizos ás necesidades dos traballadores e dos estudantes nesta área nas conexións coa Coruña, incrementando frecuencias e adecuando paradas e horarios á xornada lectiva de facultades e institutos. Esta vixilancia permanente sobre o transporte, tamén levou á Xunta a restablecer os servizos dos sábados nas áreas da Coruña e de Ferrol semanas antes de que se recuperasen a totalidade das expedicións no conxunto de Galicia, afectadas pola situación xerada pola covid. Os novos contratos tamén supuxeron para os veciños da comarca un descenso importante do prezo do billete entre A Coruña e Ferrol, que pasou a custar 4,50€, ademais de dispoñer os usuarios de bonos que abaratan aínda máis estas viaxes.

Ethel Vázquez destacou a aposta clara da Xunta polo fomento do transporte entre os máis novos, polo coidado do medio e polo peto das familias. Unha aposta polo transporte público, dixo, que tamén se debería dar no tren, de competencia estatal, co restablecemento dos servizos ferroviarios, a mellora das conexións e a necesaria modernización das infraestruturas.

Imaxes relacionadas