A Xunta inicia as obras para eliminar o tapón urbanístico da rúa Fisterra de Lugo, que executará nun prazo máximo de tres meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 48.000 nos traballos de mellora da seguridade viaria, que se engaden aos 15.500 euros abonados na expropiación de dous predios

Lugo, 7 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da comezo hoxe ás obras para eliminar o tapón urbanístico da rúa Fisterra, que forma parte da estrada autonómica LU-114. Os traballos de mellora da seguridade viaria realízanse en concreto na marxe dereita da vía á altura do punto quilométrico 1,100.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as obras executaranse no prazo máximo de tres meses e contan cun orzamento de máis de 48.000 euros. O lugar está ocupado por unha finca privada con varias edificacións que impedían homoxeneizar o ancho ao do resto da vía, e foi preciso destinar 15.500 euros para a expropiación dos dous predios necesarios, que forman unha franxa cunha superficie de 80 metros cadrados.

A intervención consistirá no ensanche e mellora deste punto, corrixindo o estreitamento na contorna. Para iso, levarase a cabo a ampliación da plataforma para albergar un carril de circulación, unha beirarrúa de 1,75 metros de ancho na marxe dereita que dea continuidade ao itinerario peonil e unha banda de aparcadoiro de 2,5 metros de ancho.

As actuacións incluirán a demolición das edificacións e instalacións existentes, así como o muro de contención.
Construirase, durante a execución dos traballos, un muro para contención de terras cunha altura máxima de 2 metros e un novo peche para a parte da finca non expropiada.

Como actuacións complementarias, reporase o servizo de abastecemento, así como a rede eléctrica e de telefonía.

Imaxes relacionadas