O programa da Xunta '21 días co galego e +' promoveu a dinamización da lingua en máis de 9.000 escolares e 24 centros desde a súa posta en marcha

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fai balance no Parlamento desta iniciativa presente en varios colexios galegos desde hai tres anos

A súa singularidade reside en fomentar o uso do galego entre os rapaces durante un tempo determinado en todas as facetas da súa vida, tanto na rúa como na aula

Constátase como unha “útil ferramenta para fomentar o emprego da lingua entre a mocidade e nos seus espazos de socialización”

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

O programa de promoción do uso do galego promovido pola Xunta 21 días co galego e + contou coa participación de máis de 9.000 alumnos de 24 centros educativos nos tres cursos nos que leva implantado no sistema educativo galego demostrando así o compromiso do Goberno autonómico cun modelo lingüístico que garante a competencia e o uso da lingua galega en todos os ámbitos e desde a xeracións máis novas.
Así o expresou hoxe no Parlamento de Galicia o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, onde fixo balance desta iniciativa que botou a andar nunha experiencia didáctica no IES da Pobra do Caramiñal e que a Xunta estendeu despois a máis centros educativos. Está baseado nos 21 días que se consideran necesarios para a adquisición dun hábito e a súa singularidade reside en fomentar o uso do galego entre os rapaces da ESO, Bacharelato e FP, durante 21 días en todas as facetas da súa vida, tanto na rúa como na aula.
Durante os anos que leva en marcha, o número de centros e de alumnos foi medrando en cada unha das edicións, pasando dos algo máis de 1.400 participantes no curso 2018-2019 aos preto de 4.000 no curso pasado. “Os datos demostran que se está a consolidar como unha útil ferramenta para fomentar o emprego da lingua na mocidade participante e nos seus espazos de socialización”, expresou Valentín García.
O seu impacto estase a notar tamén nos espazos dixitais onde a iniciativa está presente a través dun blog, así como unha canle propia en YouTube e perfís en Facebook, Twitter, Instagram e TikTok onde se está a constatar “un aumento da fluidez na comunicación coloquial en lingua galega de todos os colectivos participantes”, indicou. Neste sentido, recordou que 21 días co galego e + está a achegar bos resultados en canto ás competencias dos alumnos observándose igualmente, entre outros aspectos, un maior coñecemento da realidade lingüística e unha posta en valor dos trazos dialectais propios por parte dos adolescentes así como un fortalecemento de nexos de unión coa comunidade educativa.
O balance tamén revela que se trata dun programa vivo e dinámico que está a introducir con éxito varias novidades nos últimos anos como o feito de facelo extensivo a cursos de Educación Primaria ou xeneralizar a participación de todos os departamentos dos centros con especial atención á dinamización no ámbito científico e apostar polo desenvolvemento da competencia dixital con videotitoriais, entre outras.

Entornos dixitais

“A Xunta está comprometida coa promoción do galego a través dun modelo lingüístico avalado ano a ano e iniciativas como esta contribúen a estender as nosas políticas públicas desde o ámbito educativo ao resto dos ámbitos coitás”, expresou. Puxo de manifesto os datos do último informe PISA que constatan que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade e o Instituto Galego de Estatística (IGE) tamén evidencia que o número de galegofalantes medra e ten os índices de competencias máis elevados de todas as comunidades con linguas cooficiais.

Nese sentido, recordou que entre as prioridades do Goberno autonómico está seguir traballando en conseguir a transmisión e emprego da lingua nas familias e na mocidade, para facela máis presente en eidos como internet, os videoxogos e as zonas urbanas, un dos principais retos. Por iso, están en marcha medidas como o Plan de Dinamización da Lingua na Mocidade, os equipos de dinamización lingüística, que traballan en centros educativos e concellos, así como a potenciación de contidos dixitais en galego a través de iniciativas como o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo ou o Proxecto Nós, realizado en colaboración coa Universidade de Santiago, que suporá un salto decidido da lingua ao mundo dixital a través da Intelixencia Artificial.

Récord de matriculación no Celga

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística tamén respondeu na Cámara galega unha pregunta sobre o desenvolvemento das últimas probas Celga de acreditación da lingua galega. Defendeu o procedemento, cuxa avaliación se cingue ao exposto no marco europeo e no manual do persoal examinador que reciben todos os avaliadores das probas. Recordou, ademais, o éxito de participación nesta convocatoria. Como indicou, nas probas Celga do 2021 o número de matriculados superou os 1.500, o máis numeroso dos últimos anos.

Investimento de 392.000€ no CIP de Bembibre

Pola súa banda, o secretario xeral técnico, Manuel Vila, tamén avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego ten previsto levar a cabo este verán obras no CIP de Bembibre de Val do Dubra cun investimento de máis de 392.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros.

A actuación, que actualmente está en fase de licitación, ten un prazo de execución de dous meses e, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, consistirá na substitución da cuberta, da fachada e das carpinterías do centro.

Imaxes relacionadas