O avance nas obras de mellora do Camiño Francés na Avenida de Lugo e no cruce dos Concheiros fará necesario un desvío do tráfico a partir do venres

O obxectivo de rematar as principais actuacións a finais deste mes fai preciso o axuste no tráfico desde a primeira hora do venres

Os vehículos en sentido ascendente pola avenida de Lugo desviaranse na rotonda da Cruz Vermella e a rúa Londres para dirixirse ata Monte dos Postes, onde poderán tomar diferentes alternativas

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021

O avance nas obras de mellora do Camiño Francés, no ámbito da avenida de Lugo e do cruce dos Concheiros, fará necesario un desvío no tráfico a partir do venres a primeira hora da mañá .
Co obxectivo de rematar as principais actuacións deste proxecto a finais deste mes, especialmente na área do cruce dos Concheiros, da avenida Rodríguez de Viguri e da avenida de Lugo, será preciso realizar un axuste na circulación.
Desde o venres, os vehículos que accedan en sentido ascendente pola avenida de Lugo deberán desviarse pola rotonda da Cruz Vermella e pola rúa Londres para logo dirixirse pola rúa Lisboa ata a de Monte dos Postes, onde poderán tomar diferentes alternativas.
Os vehículos que desde San Caetano circulen en sentido descendente pola avenida Rodríguez de Viguri e a avenida de Lugo non verán afectado o actual paso, ao estar habilitado un carril de baixada.
A Xunta continúa a avanzar nos traballos de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no ámbito da avenida de Lugo e do cruce dos Concheiros, nos que está a investir máis de 3 millóns de euros.
O obxectivo da intervención é facer do nó dos Concheiros unha zona na que o Camiño sexa máis identificable para o peregrino, ademais de reforzar a seguridade viaria e mellorar os tráficos pensando no día a día dos veciños.
Trátase dunhas obras de remodelación complexas e de moita entidade, xa que abranguen tamén canalizacións. Esta é unha das principais actuacións das previstas pola Xunta no marco da estratexia de mellora e integración paisaxística dos Camiños Francés, Inglés e Portugués á súa entrada en Compostela.

No seu conxunto, o proxecto integral de posta en valor das Rutas Xacobeas á súa entrada en Santiago supón un investimento do Goberno galego superior aos 10 millóns de euros. As actuacións previstas pola Xunta estarán rematadas na súa totalidade neste verán.