A Xunta adxudica por máis de 3,1 M€ as obras de reforzo do sistema de abastecemento no Concello de Arteixo e no polígono de Morás

Trátase da execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación nese punto para mellorar o sistema de abastecemento na zona

Estas obras darán continuidade ás actuacións proxectadas nun primeiro treito polo Concello, en colaboración coa empresa Emalcsa

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

A Xunta adxudicou por máis de 3,1 millóns de euros as obras de reforzo do sistema de abastecemento ao municipio de Arteixo e ao polígono de Morás.
As obras, adxudicadas á empresa Petrolam S.L., teñen un prazo de execución de 12 meses.
Trátase de executar a mellora do abastecemento municipal desde a rede existente, na contorna do polígono do Vío, que se abastece do encoro de Cecebre, para o que se prevé a execución dun bombeo desde a zona de Vío Baixo ata a de Vío Alto e a construción de depósitos de regulación.
As obras proxectadas comprenden o treito entre Vío Alto e Morás, que darán continuidade ás actuacións proxectadas nun primeiro treito polo Concello, en colaboración coa empresa Emalcsa.
Para facer efectivo este reforzo do abastecemento, as obras prevén a construción dunha condución de máis de 5.000 metros desde o depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás.
Contará con 2 puntos de subministración directa ao sistema de abastecemento municipal, en Vilarrodís e á altura de Sabón, para garantir auga aos núcleos de poboación, aos veciños. E tamén en Sabón terá unha conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás, para garantir auga para as actividades industriais e as empresas que alí se instalen.
O contrato enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arteixo, para dar resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten o municipio derivadas do seu crecemento urbano e industrial.
Segundo recolle o convenio, o Concello financiará as actuacións, correspondendo ao organismo hidráulico da Xunta a supervisión do proxecto e a execución das obras. Unha vez realizadas, o Concello asumirá a súa posta en servizo, mantemento e conservación.
O Goberno galego mantén o seu apoio ao desenvolvemento empresarial da área da Coruña e de Arteixo, co impulso do abastecemento ao parque de Morás e as obras da ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón.
Nestes momentos, está en execución a ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación, no polígono de Sabón, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Arteixo, e que supón un investimento de máis de 6,3 millóns de euros. O seu obxectivo é reforzar aínda máis o papel do polígono de Sabón como motor económico do norte de Galicia, no que traballan actualmente 8.000 persoas.
Ademais, a Xunta puxo en servizo hai máis de seis anos a glorieta sobreelevada de Sabón, cun investimento que superou os 11 millóns de euros, e a recente ampliación doutra das arterias do parque, a avenida de Vilarrodís, cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros.
O polígono tamén se viu beneficiado da construción do acceso ao parque de Morás, dotando a Sabón dunha mellor conexión coas autovías A-6 e AG-55, tras o investimento de 4,4 millóns de euros.