A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe os traballos en execución no treito de 11,5 km que conecta A Pobra con Sarria centro cun investimento da Xunta de máis de 25 M€

Ethel Vázquez salienta que a 1ª fase da autovía Nadela-Sarria acada o 25% de execución e confirma a aposta da Xunta pola vertebración territorial do interior de Galicia

Vázquez Mourelle subliña que o plan de traballos previsto supera o 103%, con 30 máquinas e máis de 50 traballadores nas obras, mantendo o obxectivo de pór en servizo o novo tramo no outono do 2022

A previsión da Xunta é licitar este ano a redacción do proxecto do resto do treito, completando o percorrido en autovía ata Lugo
 

O Páramo (Lugo), 6 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a primeira fase das obras da autovía Nadela-Sarria acadan o 25% de execución e confirman a aposta da Xunta pola vertebración territorial do interior de Galicia.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe os traballos da primeira fase de desdobramento da vía de alta capacidade que están a desenvolverse ao longo dos 11,5 km que conectan A Pobra con Sarria centro, e que se corresponden co treito de corredor que rexistra unha maior intensidade de tráfico.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que o plan de traballos nesta vía, que vertebra a metade sur de Lugo, se está a cumpriu ao 103%, é dicir, por riba do previsto, con 30 máquinas e máis de 50 traballadores no terreo. Sinalou que o obxectivo da Xunta é que no outono do vindeiro ano se poida poñer en servizo a primeira fase da autovía Nadela-Sarria, grazas a un investimento da Xunta de máis de 25M€.

Afirmou que o Goberno galego mantén, tamén, o obxectivo de licitar este mesmo ano, 2021, a redacción do proxecto do resto do treito, que completará o percorrido en autovía ata Lugo. Desa forma, incidiu, acurtaranse as distancias entre a Galicia urbana da capital e a do rural do sur de provincia, achegando seguridade viaria e calidade de vida para os veciños e competitividade para o territorio.

A conselleira lembrou que no momento de construción da vía de altas prestacións entre Nadela e Sarria se planificou a ampliación da capacidade e se deixaron preparados importantes desmontes pero, aínda así, agora están a ser ampliados en certos puntos para o acopio de material.

Explicou que as obras en marcha na 1ª fase de desdobramento desta vía supoñen, tamén, a adaptación dos tres enlaces do treito A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores. Ademais, engadiu, da instalación dun valado reforzado, “que está demostrado que é o medio máis eficaz para evitar o acceso de fauna salvaxe que pon en risco a seguridade dos condutores”, dixo.

Concretou que os traballos previos de roza e despexe do terreo están executados ao 100%, quedando só por rematar o levantamento da valla metálica de peche e a desmontaxe dos sinais. Tamén está moi avanzada a explanación, estando executado xa case ao 45% o movemento de terras, co obxectivo de rematalo ao final do verán. Do mesmo xeito, están xa practicamente executados por completo 4 dos 6 pasos inferiores e progresan as obras de drenaxe transversal e de reposición dos servizos afectados.

A conselleira puxo en valor o investimento da Xunta de máis de 135 M€ na construción da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte nos peores anos da crise económica. E asegurou que se continúa a traballar por mellorar a rede viaria da provincia de Lugo, un obxectivo ao que, só neste ano 2021 se está a destinar 34 millóns de euros.

Indicou que a Xunta tamén está esforzándose por conservar e optimizar as estradas convencionais, tendo actualmente xa licitados contratos de reforzo de firme das estradas autonómicas na provincia por importe de 4,6 M€, que se executarán este ano. Ao mesmo tempo, impulsa outras actuacións importantes como o acondicionamento da estrada Palas-Friol ou da vía Cabreiros-Viveiro pola Gañidoira.

Ethel Vázquez contrapuxo a aposta do Goberno galego por dotar o interior de Galicia de infraestruturas axeitadas co abandono do Goberno de España das autovías pendentes en Lugo e coa súa total desatención do rural, excluídos do reparto dos fondos de reconstrución.

Imaxes relacionadas