A Xunta inviste máis de 380.000€ na substitución da cuberta e das carpinterías do IES Agra do Orzán na Coruña para adaptalo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado e máis eficiencia desde o punto de vista enerxético

Con este novo investimento a Xunta, ten comprometidos polo de agora para este ano, máis de 2 millóns de euros en cinco centros educativos da cidade

A Coruña, 6 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou nunha visita ao IES do Orzán, que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación de das carpinterías e obras accesorias deste centro educativo cun investimento de máis de 380.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de dous meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación que xa se levou a cabo. O proxecto propón a substitución da cubrición de cubertas do inmoble, incluída a cuberta do soportal do patio posterior, así como os calóns e baixantes de pluviais, illando térmicamente os espazos baixo cuberta, e mellorando as condicións de eficiencia enerxática do inmoble. Ademais, levarase a cabo a substitución da carpintería exterior de aluminio, aínda que non na súa totalidade, xa que en sucesivas actuacións xa se foron substituíndo algunhas unidades.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Este investimento únese as obras xa licitadas recentemente de renovación de cubertas de tres colexios e un instituto da cidade da Coruña, nos que a Xunta investirá máis dun millón de euros. Os centros beneficiados son os CEIPs Plurilingüe Alborada, Salgado Torres e Plurilingüe San Pedro de Visma, así como o IES Plurilingüe Elviña. O Goberno galego tamén licitou a reforma da cuberta e da fachada norte e sur do IES Rafael Dieste por un importe de 468.000 euros. Ademais, a Xunta investirá no IES Eusebio da Garda outros 600.000€ que unido ás partidas xa comprometidas e executadas eleva o investimento neste centro educativo da cidade a 2 millóns de euros. Con este novo investimento a Xunta, ten comprometidos polo de agora para este ano, máis de 2 millóns de euros en cinco centros educativos da cidade.

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos

Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta.

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.

Imaxes relacionadas