A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu un escrito ao presidente da Fegamp, Alberto Varela, amosando a preocupación polos criterios do Ministerio para o reparto dos fondos

A Xunta pídelle apoio á Fegamp para evitar que o 98% dos concellos galegos queden fóra dos fondos Next Generation destinados a mobilidade sostible

A asignación de recursos para a mellora da mobilidade fixada polo Ministerio de Transportes restrinxe os investimentos nos municipios de máis de 50.000 habitantes

Ethel Vázquez apunta a necesidade de contar con estes fondos extraordinarios para mellorar a mobilidade do rural e evitar o seu despoboamento

A Xunta xa se dirixiu ao Goberno de España solicitando a reorientación dos criterios de reparto dos fondos, en aras dunha maior equidade e equilibrio territorial

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

O Goberno galego pídelle á Federación Galega de Municipios e Provincias apoio para evitar que o 97,8% dos concellos de Galicia queden fóra da asignación dos recursos do programa Next Generation para as iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiu un escrito ao presidente da FEGAMP, Alberto Varela, amosando a preocupación da Xunta polos criterios fixados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o reparto destes fondos.

Ethel Vázquez lembra que na última Conferencia Sectorial de Transportes, o Ministerio trasladou ás Autonomías que os fondos europeos de reconstrución destinados ás Comunidades para a mellora da mobilidade e á dixitalización deben ser investidos en núcleos de máis de 50.000 habitantes, e así se confirmou tamén na reunión bilateral posterior celebrada entre o Ministerio e a Xunta de Galicia.

O Goberno galego amosa a súa inquedanza ante este feito, xa que estes criterios de distribución deixan á marxe do financiamento europeo extraordinario ao 97,8% dos concellos galegos. Nin tan sequera un municipio da importancia de Vilagarcía de Arousa podería beneficiase dos investimentos para mobilidade sostible impulsados ao abeiro dos fondos Next Generation.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembra que os criterios de reparto foi motivo de alegacións por parte de diferentes Comunidades, entre elas Galicia, sen que se producise, ata o momento, un cambio de postura.

Esta situación motivou que a Xunta se dirixise, novamente, ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o pasado 28 de maio para solicitar unha reorientación e flexibilización no reparto dos recursos europeos, na procura dunha maior equidade e equilibrio territorial, sen que ata a data teña habido resposta a esa demanda.

No escrito remitido ao presidente da FEGAMP, Ethel Vázquez salienta as peculiaridades xeográficas e demográficas da Comunidade galega, que conta con máis da metade dos núcleos de poboación de España. Unha circunstancia, subliña, que implica unha maior necesidade de investimentos ‘per cápita’ para deseñar e financiar os servizos públicos, incluídos os de mobilidade, tendo en conta, tamén, que pequenos investimentos no rural supoñen importantes beneficios para o conxunto do territorio.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade traslada ao presidente da FEGAMP a necesidade de ampliar ao máximo a cobertura territorial dos investimentos destinados á recuperación e á reconstrución fronte á pandemia, para contribuír ao desenvolvemento de Galicia en igualdade de oportunidades.

Agarda, neste sentido, que Xunta e FEGAMP poidan concordar posturas e traballar conxuntamente de cara a conseguir que os fondos Next Generation poidan beneficiar á maior parte de Galicia e contribúan a dotar de novos servizos e infraestruturas o rural galego coa fin de loitar de forma eficaz contra o despoboamento.

Imaxes relacionadas