A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou as instalacións dun dos futuros centros que se habilitará na provincia de Ourense

A Xunta de Galicia concede 16 axudas para crear novas casas niño, que xa suman 93 en toda a comunidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o listado das axudas concedidas nesta convocatoria, a sexta desde a implantación do programa en 2016

Galicia contará a finais de ano con 465 prazas de atención para nenas e nenos de 0 a 3 anos completamente gratuítas para as familias

A provincia de Ourense concentra a metade das novas subvencións con oito, a de Lugo conta con catro, A Coruña con tres, e Pontevedra con unha

Quintela de Leirado (Ourense), 5 de xullo de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para a creación de 16 novas casas niño no rural e acadar as 93 en toda a Comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez, visitou as instalacións dun dos futuros centros que se creará neste concello da provincia de Ourense.
Actualmente Galicia dispón de 77 destes recursos de conciliación en municipios de menos de 5000 habitantes. Con esta, a sexta convocatoria desde que se puxo en marcha o programa no ano 2016, chegaranse ás 93 casas e ás 465 prazas de atención para nenas e nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuítas para as familias.

En concreto, as persoas beneficiarias proxectan a apertura de casas niño en oito concellos da provincia de Ourense (Entrimo, Maside, A Mezquita, A Veiga, Quintela de Leirado, Monterrei, Castrelo de Miño e Pontedeva), catro na de Lugo (Samos, Castroverde, Rábade e O Incio), tres na Coruña (Paderne, Frades e Santiso) e un en Pontevedra (Cuntis). A partir de hoxe contarán cun prazo de dez días para aceptar a axuda. Así mesmo, terán dous meses para achegar toda a documentación requirida se non o fixeron no momento da solicitude e acreditar que o inmoble onde se vai poñer en marcha o servizo está acondicionado.

Conciliación

As casas niño son un servizo de atención á infancia para os concellos do rural que ofrecen unha atención totalmente gratuíta para as familias, próxima e individualizada para os máis pequenos. Cada centro pode acoller ata a cinco nenos. Trátase dun programa pioneiro que ten como obxectivo dotar a todos os concellos de Galicia dun servizo de conciliación.

Ademais deste recurso, a conselleira de Política Social aproveitou a visita ao futuro centro de Quintela de Leirado para poñer en valor outros avances acadados polo Goberno galego en materia de conciliación. Así, xunto ás casas niño, salientou iniciativas de grande acollida entre as galegas e os galegos como a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, o incremento do Bono Concilia ou a Tarxeta Benvida, da que se beneficiaron preto de 70.000 familias.

Imaxes relacionadas