A Xunta reforza a seguridade da estrada que conecta Rábade e Vilalba co repintado íntegro da vía, ao que destina 44.000 €

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renova a sinalización horizontal nos 17,2 quilómetros da LU-541

Rábade (Lugo), 5 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a acometer o repintado íntegro da sinalización horizontal na estrada LU-541 co fin de reforzar a seguridade na circulación por esta vía, que conecta os concellos de Rábade e Vilalba.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os traballos comezaron o pasado mércores e está previsto que queden completados esta semana. A Xunta inviste 44.300 euros para actuar nos 17,2 quilómetros da estrada, con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona norte da provincia.

A sinalización horizontal foi renovada por completo, tanto as liñas de separación de carrís como os símbolos pintados na calzada, tales como os de ceda o paso ou as frechas de retorno.

Arias destacou que deste xeito “mellóranse as condicións de visibilidade das marcas viarias para garantir unha circulación máis segura, cómoda e fluída” nesta vía autonómica.

Subliñou que a LU-541 “é unha estrada con moito tránsito, pois dá servizo aos veciños de Vilalba, Begonte e Rábade”, ademais de ser “probablemente a vía máis empregada polos veciños de Vilalba nos seus desprazamentos ata a capital da provincia, xa que en Rábade conecta coa A-6", concluíu Arias.

Imaxes relacionadas