A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá o edificio, que abriu as súas portas hai unhas semanas, así como a escola infantil da Galiña Azul do concello ourensán

A Xunta inviste 200.000 euros para a rehabilitación dunha vella casa cuartel en Xunqueira de Ambía como vivenda e centro sociocomunitario

A vivenda comunitaria abriu as súas portas hai unhas semanas e conta con oito usuarios, mentres que o centro sociocomunitario está pendente de mobiliario

Salienta que a colaboración institucional entre a Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello permitiu a súa posta en marcha

Xunqueira de Ambía (Ourense), 5 de xullo de 2021

A Xunta investiu 200.000 euros na construción dunha vivenda e dun centro sociocomunitario en Xunqueira de Ambía. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde do municipio, José Luis Gavilanes Losada, visitou esta mañá as instalacións, onde puxo en valor o compromiso do Goberno local para dotar aos veciños desta localidade dos mellores servizos de atención social.

A conselleira sinalou que un dos obxectivos do Goberno galego é modernizar e adaptar os servizos das zonas rurais ás novas necesidades da súa poboación. Neste sentido, apuntou que esta actuación permitiu rehabilitar a antiga casa cuartel deste municipio, que se atopaba en desuso, e darlle unha tripla función que dote aos cidadáns de Xunqueira de Ambía de mellores servizos.

Fabiola García remarcou que esta actuación foi posible grazas á colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello. A vivenda comunitaria abriu as súas portas hai unhas semanas e conta con oito usuarios, mentres que o centro sociocomunitario está pendente de mobiliario. “Este Concello demostrou compartir co Goberno galego o seu obxectivo darlle aos nosos maiores os mellores servizos posibles”, afirmou.

Así mesmo, a titular de Política Social aproveitou a súa visita ao concello ourensán de Xunqueira de Ambía para achegarse á escola infantil do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no concello, onde tivo oportunidade de comprobar a normalidade que está a marcar o final deste curso no primeiro ciclo de educación infantil.

Imaxes relacionadas