O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a residencia de tempo libre de Panxón

A Xunta de Galicia ofrece 185 prazas nos campamentos específicos para persoas con discapacidade

Estas actividades permiten proporcionar un ocio educativo seguro e inclusivo, así como promover a educación ambiental e hábitos saudables

Nigrán (Pontevedra), 4 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha os campamentos específicos para persoas con discapacidade, enmarcados na campaña estival que este ano se está a desenvolver baixo o lema O verán que mereces. O Goberno galego oferta este ano 185 prazas en tres instalacións diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo), na Residencia de Tempo Libre do Carballiño e na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán). Ata esta última instalación desprazouse esta mañá o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias.

Nestes tres espazos un total de 185 persoas de entre 11 e 45 anos terán a oportunidade de realizar actividades que lles proporcionarán un ocio educativo seguro e inclusivo ao longo de 12 estadías diferentes. Este programa específico de ocio promove, ademais, a educación ambiental e unha estreita relación coa contorna grazas á posta en marcha de deportes náuticos adaptados, entre outras propostas. Así, entre outros obxectivos desta iniciativa destacan a promoción de hábitos de vida saudables e o fomento de habilidades artísticas.

A Residencia de Tempo Libre de Panxón acolle desde o pasado xoves e ata o día 10 deste mes unha trintena de persoas con discapacidade de entre 19 e 45 anos que poderán desfrutar dun amplo programa de actividades. O centro, situado ao pé da praia de Patos, acollerá tres quendas diferentes, dúas delas en xullo e outra máis do 1 ao 10 de setembro.

Imaxes relacionadas