A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de reapertura ao público do Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte

Ethel Vázquez reitera a demanda ao Goberno de España para que programe e efectúe os investimentos necesarios para dotar Lugo dun acceso real á alta velocidade ferroviaria

Sinala que a pesar da mobilización de recursos nos últimos tempos, ningunha das obras relevantes está iniciada, cando había compromiso de remate en 2021, e que a planificación presentada polo Goberno elimina as variantes que fan competitiva esa viaxe en tren

Salienta que a Xunta seguirá insistindo para que a liña ferroviaria entre Monforte, Lugo e A Coruña pase a formar parte do Corredor Atlántico e teña acceso aos fondos extraordinarios de financiamento que destina a UE á rede prioritaria de transporte

Lembra que esa demanda xa foi aceptada pola Comisión do Arco Atlántico e presentada ante as autoridades comunitarias, e espera poder contar co apoio do Goberno para que saia adiante

Pon en valor o valioso patrimonio histórico, industrial e cultural que alberga o Museo do Ferrocarril, recoñecendo o traballo por manter vivo ese espazo como centro do patrimonio ferroviario e por divulgalo con entusiasmo, especialmente entre os máis novos

Monforte de Lemos, 3 de xullo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reiterou hoxe a demanda da Xunta ao Goberno de España para que programe e efectúe os investimentos necesarios para dotar Monforte de Lemos e toda a provincia de Lugo dun acceso real á alta velocidade ferroviaria.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este mediodía no acto de reapertura ao público do Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte de Lemos.
Vázquez Mourelle explicou que, unha vez que a chegada do AVE a Galicia se espera que entre en servizo a finais deste ano, tras unha longa espera, a seguinte prioridade para a Xunta é a extensión desa liña de alta velocidade cara a Lugo, vía Monforte de Lemos.
Sinalou que, a pesar de que nos últimos tempos se teñen mobilizado recursos para mellorar as condicións da comunicación ferroviaria entre Lugo e Monforte con Ourense e Madrid, e de que existía un compromiso por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de que todas esas actuacións estivesen rematadas no ano 2021, a día de hoxe ningunha das obras relevantes está aínda iniciada.
Vázquez Mourelle trasladou, ademais, a preocupación da Xunta por que a última planificación de actuacións presentada polo Goberno de España na cidade de Monforte elimina o compromiso das variantes, que realmente farían competitiva a viaxe en tren.
Remarcou que o Goberno galego seguirá tamén a insistir para que a liña entre Monforte, Lugo e A Coruña pase a formar parte do trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías e poder optar aos fondos extraordinarios de financiamento que destina a Unión Europea a esa rede prioritaria de transporte.
Lembrou que esta demanda xa foi aceptada pola Comisión do Arco Atlántico e está presentada ante as autoridades comunitarias, e agarda tamén poder contar co apoio do Goberno de España para que saia adiante.
“Precisamos a modernización da rede ferroviaria galega porque sabemos que dela depende a nosa competitividade, a nosa vertebración territorial e a nosa capacidade de progreso e calidade de vida”, incidiu, subliñando que o desenvolvemento económico e social de Monforte e de Galicia está, en gran medida, vencellado ao ferrocarril.
Ethel Vázquez puxo en valor o valioso patrimonio histórico, industrial e cultural que alberga o Museo do Ferrocarril de Galicia, que custodia “auténticas xoias” como a emblemática locomotora de vapor Mikado ou a maior rotonda ferroviaria de España, declarada Patrimonio Industrial Europeo.
Recoñeceu, ademais, o traballo dos responsables deste museo por manter vivo ese espazo como centro de recuperación e restauración do patrimonio ferroviario, por divulgado con entusiasmo, sobre todo entre os máis novos, e por fomentar entre a sociedade o uso do transporte público como medio para asentar a mobilidade sostible, esencial no actual contexto climático.

Imaxes relacionadas