A Xunta outorga ás asociacións de mulleres un papel clave para avanzar na igualdade real e efectiva

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Poio (Pontevedra) no III Congreso de Asociacións de Mulleres

Máis de 60 entidades sen ánimo de lucro desenvolverán este ano programas en favor de mulleres vulnerables cos apoios da Xunta cifrados en 1,4 millóns de euros

O Goberno galego vén de convocar a liña de axudas para asociacións e federacións de mulleres, que poden solicitarse ata o 22 de xullo

López Abella valorizou o papel das entidades como factor de dinamización do rural e de loita contra as violencias machistas

Poio (Pontevedra), 3 de xullo de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no III Congreso de Asociacións de Mulleres organizado pola entidade Mulleres en Igualdade de Poio con apoio da Xunta e da Federación de mulleres pola igualdade de Pontevedra (Femupo) onde quixo destacar o papel fundamental das entidades para potenciar a participación das mulleres e desenvolver programas integrais para os colectivos femininos máis vulnerables.
A Xunta vén de convocar as axudas que a Consellería de Emprego e Igualdade destina a asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.
López Abella defendeu na súa intervención o necesario impulso e a dinamización das asociacións de mulleres, “entidades clave e eixos de transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva”, e incidiu na súa especial relevancia no ámbito rural, onde son factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida e fornecedoras do tecido social.
As entidades contan ata o 22 de xullo para presentar a súa solicitude, lembrou secretaria xeral, que anunciou que o orzamento neste 2021 vén de duplicarse na liña da convocatoria coa que se apoia a consolidación das entidades que pasa dos 80.000 aos 164.757 euros para paliar os efectos da covid-19.

Mulleres vulnerables

López Abella lembrou por outra banda que a Xunta destinará este ano 1,4 millóns de euros a 61 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incluíndose entre estas as vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, migrantes ou refuxiadas, as pertencentes a minorías étnicas ou reclusas e ex-reclusas, entre outras.
Con estas axudas, “o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade” incidiu a secretaria xeral, quen apuntou que o obxectivo non é outro que dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.