A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Condomiñas, no concello de Cedeira

Estes traballos desenvólvense nun treito de preto de 1,8 quilómetros de lonxitude, nas parroquias de Santa María do Mar e de Régoa

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle e na eliminación de especies invasoras

As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Condomiñas, ao seu paso polo concello de Cedeira.
Estes traballos estanse a desenvolver nun treito deste río de preto de 1,8 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María do Mar e de Régoa.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies invasoras. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.
Esta intervención contribuirá á mellora do leito fluvial para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Imaxes relacionadas