A Xunta entrega os premios de Lingua de Namorar, o concurso de mensaxes de amor en galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, recibiron hoxe aos gañadores nun acto que se celebrou no Pazo de San Roque

Por primeira vez e coincidindo coa súa X edición, este certame incluíu un premio para a nova categoría de participación a través de Instagram baixo o cancelo #NamorarEnPandemia

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

O Pazo de San Roque acolleu esta mañá a entrega de premios da X edición de Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor que busca dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, recibiron hoxe ás persoas gañadoras para facerlles entrega de cadanseu galardón.

O responsable de Política Lingüística quixo destacar a importancia da promoción do uso do galego na mocidade, xa que se trata “dun dos eixes prioritarios nas políticas lingüísticas que levamos a cabo desde o Goberno galego. Por iso este certame, que xa leva case unha década en marcha ten unha vixencia plena.” Ademais, Valentín García resaltou a “perfecta combinación que este concurso fai entre tecnoloxías e lingua galega para chegar aos máis novos e difundir así a idea de que o galego é tan apto para os afectos e a creación literaria como para o mundo da Internet”.

Pola súa banda, a directora xeral puxo en valor a creatividade da mocidade galega, que se volve demostrar un ano máis con Lingua de Namorar. Así mesmo, anima aos participantes deste certame a presentarse á Xuventude Crea, cuxa convocatoria está previsto abrir a semana que vén.

Canda os representantes das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social, participou a escritora e voceira do xurado, Rosalía Morlán, e a comunicadora María Canosa, encargada de conducir a entrega.

Sete premiados entre case 300 participantes

Na categoría A, que inclúe os mozos e mozas de 14 a 19 anos, resultaron gañadoras co primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente as mensaxes Penso en ti, de María Rey Villar (A Coruña), Sol e Lúa, de Lucas Paz González (A Coruña) e Amar mentres a vida avanza lento, de Lara Hernández Iglesias (A Pobra do Caramiñal).

Pola súa banda, os textos premiados na categoría B para os participantes de 20 a 35 anos foron, en primeiro lugar, Rea(r)mar, de Lara Álvarez Álvarez (Redondela), en segunda posición, O fío da vida, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas), e, pechando o podio, KÓX3G?S, de Andrea López Otero (Pantón), quen non puido estar presente no acto de entrega.

Na categoría C, incluída por primeira vez nesta edición para os participantes que se animaran a compartir as súas mensaxes de amor a través de Instagram, estreou o premio acumulando o maior número de “gústame” na dita rede social, José María Trigo González (Pontevedra).

Nas dúas primeiras categorías, o primeiro premio foi unha bicicleta eléctrica, o segundo unha tableta de 10,1 polgadas e o terceiro unha cámara deportiva. Na nova categoría para Instagram, o único premio foi tamén unha bicicleta eléctrica. A maiores, todas as persoas gañadoras recibiron unha peza de artesanía conmemorativa da X edición de Lingua de Namorar xunto cun lote de libros e música de literatura galega sobre Xela Arias, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021.

Imaxes relacionadas