A Xunta impulsa a reforma do polígono de Sete Pías para incrementar as prazas de aparcamento cunha axuda de 96.000€

O delegado territorial, Luis López, informa desta achega, enmarcada na orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais, nunha visita a este complexo industrial de Cambados

A Vicepresidencia segunda financia o 80% dunha actuación consistente na reconversión das rúas de dobre sentido en viais dunha única dirección co cambio da sinalización para duplicar o estacionamento, así como na renovación da capa de rodadura de dúas arterias internas

“Este polígono é fundamental na socioeconomía de Cambados, con máis de medio cento de empresas, algunhas delas líderes no seu sector e con moitos empregados, polo que dende a Xunta queremos seguir colaborando para que estea nas mellores condicións”, explica
 

Cambados, 2 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vai impulsar a reforma do polígono industrial de Sete Pías, no Concello de Cambados, destinada ao incremento das prazas de aparcamento cunha axuda de 96.000 euros ao abeiro da orde de mellora e habilitación de infraestruturas dos parques empresariais correspondente ao ano 2021.


O delegado territorial, Luis López, informou da concesión desta achega, que permitirá financiar o 80% da actuación, consistente na reconversión das rúas internas de dobre sentido en viais dunha soa dirección circulatoria para duplicar o espazo de estacionamento. Así mesmo, o proxecto completarase coa renovación da capa de rodadura de dúas arterias que teñen o firme en malas condicións.
“O polígono de Sete Pías é fundamental na socioeconomía de Cambados, xa que conta con máis de cincuenta empresas con centos de traballadores nas súas case trinta hectáreas de superficie e algunhas delas son líderes dos seus sectores ou teñen moito peso específico na comunidade galega, polo que dende a Xunta queremos seguir colaborando para contribuír á modernización deste recinto e que sexa o máis funcional posible e estea nas mellores condicións”, sinalou o representante autonómico.
A axuda ao parque empresarial cambadés está orientada a resolver o problema do aparcamento como consecuencia do aumento da produtividade e do fluxo de traballadores e vehículos de transporte.
Así, vaise renovar toda a sinalización horizontal e vertical das súas seis rúas -Exeria, María Castaña, Maruja Mallo, María Soliña, María Pita e Concepción Arenal- para que pasen a ser de sentido único de circulación e, dado que non se modificarán as beirarrúas, gañaranse case 2.000 metros lineais de plataforma para o estacionamento, que tamén inclúe as correspondentes prazas de formato adaptado para vehículos de persoas con minusvalía ou problemas de mobilidade.
“Con esta actuación, na que se investirán 120.000 euros, pretendemos mellorar a contorna empresarial, favorecer o desenvolvemento do traballo e axudar á implantación de novas empresas ou á ampliación das existentes”, explicou o delegado territorial, que concretou que o prazo de execución está fixado nun mes.
 

Imaxes relacionadas