A Xunta reforza desde o luns os servizos de autobús entre a Coruña e Oleiros con 56 novas conexións semanais ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro

Esta liña especial ás praias permanecerá en servizo ata o 31 de agosto, dispoñendo os usuarios de 8 servizos ao día desde cada cabeceira, incluíndo fins de semana e festivos

Os viaxeiros que viaxen desde A Coruña chegarán directamente ás paradas de Santa Cristina e das Covas, preto da praia de Bastiagueiro

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforza a partir deste luns, día 5 de xullo, os servizos de autobús da Xunta entre A Coruña e Oleiros con 56 conexións semanais ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro.

A entrada en funcionamento da nova liña de autobús especial praias, que permanecerá en servizo ata o 31 de agosto, contará con 56 servizos semanais desde cada cabeceira, 8 ao día todos os días da semana, incluídos os festivos.

A nova liña de autobuses da Xunta achegará aos viaxeiros da Coruña ata a praia de Santa Cristina, con parada na avenida de Santa Cristina, moi próxima ao areal, para evitar desprazamentos a pé desde a avenida Ernesto Che Guevara. Así mesmo, a liña continúa ata a parada das Covas, desde onde os usuarios teñen un cómodo aceso á praia de Bastiagueiro.

O percorrido realizado polo novo servizo especial praias conectará tamén aos veciños de Oleiros con estes areais, ofrecendo un novo servizo, xa que Oleiros non conta na actualidade con conexión directa coa súa costa.

Nestes novos servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os mozos menores de 21 anos poderán viaxar de forma gratuíta empregando a tarxeta Xente Nova.

A oferta horaria do autobús da Xunta abarca desde as 13:15 horas ata as 20:15 desde Entrexardíns; e desde as 13:30 horas ata as 20:30 desde Oleiros, cun servizo cada hora desde ambas as cabeceiras.

As saídas desde Entrexardíns serán ás 13:15, 14:15, 15:15, 16:15, 17:15, 18:15, 19:15 e 20:15 horas. Pola súa banda, as saídas desde o IES Miraflores de Oleiros serán ás 13:30, 14:30, 15:30, 16:30, 17:30, 18:30, 19:30 e 20:30 horas.

Itinerario e paradas do autobús da Xunta

O itinerario do autobús da Xunta con inicio en Entrexardíns, sae da cidade da Coruña pola avenida da Pasaxe, previo paso pola estación de autobuses, realizando todas as paradas habituais. Ao chegar a Santa Cristina o autobús realizará a parada na avenida de Santa Cristina e tomará dirección Bastiaguero, realizando todas as paradas ata As Covas para, a continuación, dar a volta na rotonda de Bastiagueiro. Na rotonda do Che, a liña toma dirección Lucín e continuará co servizo ata Oleiros, con fin no IES Miraflores, realizando todas as paradas intermedias.

Máis en detalle, as paradas que realiza o servizo son: Entrexardíns, Costa da Palloza, Estación de Autobuses, A Gaiteira, Os Castros, CHUAC, Materno, Xesuitas, Ponte Pasaxe, Perillo/Santa Cristina, Santa Cristina Praia, Parador, Escorial, As Covas, As Covas, Lucín, Solana, Rampla, Montrove, Os Limoeiros, Lamastelle, As Pedreiras, Os Regos, A Pezoca, Oleiros (Concello) e IES Miraflores.

Pola súa banda, o servizo con inicio en Oleiros realiza o mesmo percorrido pero en sentido inverso, saíndo do IES Miraflores cara ao Concello e continuando dirección Lucín. Primeiro fará parada nas Covas, para despois dirixirse a Santa Cristina e finalizar na parada de Entrexardíns.

En concreto, as paradas que realiza este servizo son as seguintes: IES Miraflores, Oleiros (Concello), A Pezoca, Os Regos, As Pedreiras, Lamastelle, Os Limoeiros, Montrove, Rampla, Solana, Lucín, As Covas, As Covas, Escorial, Parador, Santa Cristina Praia, Perillo/Santa Cristina (Hábitat), Ponte Pasaxe, Xesuitas, Materno, CHUAC, Os Castros, A Gaiteira, Costa da Palloza, Praza de Ourense e Entrexardíns.

Imaxes relacionadas