A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, reuniuse esta semana co alcalde, Alberto González, membros do Goberno local e do equipo redactor

A Xunta asesora ao Concello de Valdoviño para pechar o borrador definitivo do seu primeiro PXOM

O municipio coruñés réxese a día de hoxe por unhas Normas subsidiarias de planeamento aprobadas no ano 1993 que requiren dunha completa actualización

O Goberno galego concedeulle a Valdoviño unha subvención de case 175.000 euros, equivalente ao 90% do custo estimado de redacción

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, reuniuse esta semana co alcalde de Valdoviño, Alberto González, para analizar o borrador do futuro Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) no que traballa o Concello e que será, unha vez aprobado, o primeiro instrumento urbanístico propio co que conte este municipio coruñés.

Durante a xuntanza, na que tamén participaron o arquitecto municipal, o concelleiro de Urbanismo e varios membros da empresa redactora, analizouse tecnicamente o documento, que acaba de entrar na recta final da súa elaboración. A previsión que manexa o Goberno municipal, de feito, é que nos próximos meses poida presentar o PXOM para sometelo a avaliación ambiental, o seguinte paso dentro da súa tramitación ante a Xunta de Galicia.

Así, o obxectivo da reunión era resolver algunhas dúbidas antes de pechar a versión definitiva do borrador e obter unha impresión xeral do mesmo por parte do órgano urbanístico. Neste sentido, Encarna Rivas valorou que o documento aposte por un modelo territorial de concentración e non expansivo e pola reordenación do solo para dotar ao municipio de equipamentos e dotacións públicas dos que a día de hoxe carece.

Así mesmo, no borrador do PXOM tamén se presta unha atención especial á lagoa da Frouxeira e outros espazos naturais localizados en Valdoviño, recollendo as afeccións de protección do patrimonio natural e de protección costeira que concorren no termo municipal.

Cómpre lembrar que, día de hoxe, o concello de Valdoviño non conta con plan propio e réxese urbanisticamente por unhas Normas subsidiarias de planeamento aprobadas hai case 30 anos —concretamente, en 1993—.

Por este motivo, o Goberno local decidiu iniciar os trámites para dotarse dun planeamento propio e actualizado, un obxectivo para o cal a Xunta lle concedeu unha subvención de case 175.000 euros, equivalente ao 90% do custo estimado de redacción.

Continuando con esa liña de colaboración, a xuntanza desta semana entre a Dirección Xeral e os responsables do futuro Plan xeral de Valdoviño enmárcase nos contactos que mantén de forma periódica o Goberno galego coas distintas Administracións locais co fin de seguir avanzando cara ao obxectivo de “ningún concello sen PXOM”.

Neste sentido, Encarna Rivas ofreceulle ao alcalde a súa máxima dispoñibilidade e a do seu equipo para resolver calquera dúbida que poida xurdir nos próximos meses con relación a este documento, así como para acompañalos durante toda a tramitación para que Valdoviño dispoña do seu primeiro PXOM o antes posible.

Imaxes relacionadas