As axudas de redución de xornada para homes e familias monoparentais por coidado de fillos e fillas poderán solicitarse ata o 2 de agosto

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases que rexerán esta nova convocatoria de axudas para o apoio á conciliación e á corresponsabilidade cando o proxenitor ou proxenitora reduce a xornada para o coidado das fillas e fillos menores de 3 anos

A Xunta vén de ampliar o 27% o orzamento desta liña de apoios, dotada con 575.248 euros para outorgar cobertura a maior número de persoas

As contías oscilan entre os 1.700 e os 3.700 euros por un tempo máximo subvencionable de oito meses e varían en función da porcentaxe de redución de xornada e o número de fillos e fillas ao cargo

As axudas están abertas tamén a familias con menores de 12 anos con discapacidade e ás persoas que adoptaron ou teñen un neno ou nena en réxime de acollemento

A Xunta leva investidos 6 millóns nesta liña a favor da corresponsabilidade desde 2009 da que se beneficiarios unhas 3.000 familias

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe convocatoria das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo para persoas traballadoras e familias monoparentais co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e coidado de menores no ámbito doméstico. As solicitudes poderán remitirse desde mañá e ata o próximo 2 de agosto.
As axudas contan cun orzamento este ano de 575.248 euros, un 27,4% máis que o ano anterior para dar resposta a máis familias.
A contía determinarase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, así como do número de fillos e fillas a cargo da persoa solicitante. Oscilan entre os 1.700 euros e os 3.700 para o caso de que se refiran ao máximo do período subvencionable de oito meses de redución da xornada.
Estes apoios diríxense, principalmente, a homes en familias non monoparentais, pero tamén a familias monoparentais integradas por unha única persoa (home ou muller) que, en ambos os dous casos, optaran pola redución da xornada de traballo entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021 para dedicarse ao coidado dunha filla ou fillo menor de 3 anos; ou menor de 12 anos se presenta discapacidade igual ou superior ao 33%. Para poder acceder ás mesmas, esa minoración da xornada ten que se polo menos o 12,5%.
As axudas tamén están abertas a persoas que adoptaron un neno ou nena ou que prestan acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito ao aboamento, non poden ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo deberá ser menor de 12 anos.
A prioridade é que estes apoios teñan como destinatarios a homes que traballen e se acollan á redución da súa xornada laboral para fomentar a corresponsabilidade no coidado das fillas e fillos.
Tamén as mulleres (nais) poderán acceder a estes apoios, nos casos de que sexan as titulares de unidades familiares monomarentais ou no de parellas formadas por dúas mulleres.
En ambos os dous casos, as persoas que reciben a axuda deben ser traballadoras por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios e socias das sociedades cooperativas, sempre que pertenzan ao réxime da Seguridade Social.
Estas medidas teñen por finalidade o fomento da corresponsabilidade nos fogares galegos, que se leve a cabo nas familias un reparto equilibrado no tempo do coidado dos fillos e das fillas e da responsabilidade de conciliar que, na maioría dos casos, segue a recaer maioritariamente nas mulleres.
As persoas interesadas poderán solicitar os apoios desde mañá e ata o próximo 2 de agosto inclusive.
A Xunta leva investido nesta liña de axudas 6 millóns de euros desde 2009 con apoios que recaeron en cerca de 3.000 familias.

Imaxes relacionadas