A Xunta destina unha nova achega de máis de 10 millóns de euros aos Programas Integrados de Emprego co obxectivo de facilitar a ocupación de 4.000 desempregados

Destaca que a medida inclúe 40 programas dirixidos cada un a 100 desempregados , co fin de reforzar as súas competencias fronte ao mercado de traballo.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un novo investimento de máis de 10 millóns de euros para os programas integrados de emprego co obxectivo de facilitar a ocupación de 4.000 desempregados.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que a medida, que está dirixida a entidades locais, xuntas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica sen ánimo de lucro, inclúe 40 programas dirixidos cada un a 100 desempregados, co fin de reforzar as súas competencias fronte ao mercado de traballo.

Nesta ocasión, a partida elévase un 20%, dos 8,4 millóns de euros aos 10 millóns de euros. No tocante aos requisitos, os beneficiarios terán que garantir unha inserción laboral mínima do 35% dos participantes.

Así mesmo, cómpre salientar que de todo o importe, reservaranse dous millóns de euros para programas dirixidos en exclusiva a mulleres sen ocupación, que recibirán atención específica e adaptada as súas necesidades.

Os destinatarios prioritarios tamén seguirán a ser persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou migrantes.

Desde 2009, 42.000 persoas participaron nestes programas, aos que se destinaron 74 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta