A Xunta solicítalle ao Concello de Viveiro a documentación municipal necesaria para executar e financiar as obras do senamento de Celeiro, cun investimento de 3,8 M€

Trátase dun trámite necesario para que Augas de Galicia poida acometer unha actuación que é propia das competencias municipais e que inclúe tamén a construción dunha nova condución de vertido

Correspóndelle ao Concello someter a información pública o proxecto e aprobalo no pleno municipal, comprometéndose a poñer á disposición os terreos necesarios e a asumir a explotación e mantemento das instalacións

Augas de Galicia está tamén a tramitar ante Costas do Estado a concesión, a nome do Concello de Viveiro, para a ocupación do dominio público marítimo terrestre

A Xunta, que está a executar actualmente as obras de mellora da depuradora, investirá un total de case 8 M€ no saneamento da ría de Viveiro, apoiando ao Concello nas súas responsabilidades
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia solicitoulle hoxe ao Concello de Viveiro a documentación municipal necesaria para poder executar e financiar as obras de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido da depuradora de Viveiro.

Trátase dun trámite necesario para que Augas de Galicia poida acometer unha actuación que se enmarca nas competencias municipais do Concello de Viveiro e que suporá un investimento por parte da Administración autonómica de 3,8 millóns de euros, correspondentes ao 100% do custo da actuación.

Segundo o previsto no Decreto 59/2013 que regula a colaboración técnico-financeira de Augas de Galicia cos municipios en materia de infraestruturas hidráulicas, cómpre que o Concello de Viveiro someta o proxecto, elaborado tamén por Augas de Galicia, a un proceso de información pública durante un período de 20 días hábiles.
Posteriormente, o Concello debe aprobar o dito proxecto no pleno municipal e adquirir, tamén mediante acordo plenario, o compromiso de poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para as obras, ademais de a asumir a explotación e mantemento das instalacións.

Ademais de elaborar o proxecto e de financiar e executar as obras, Augas de Galicia está a tramitar ante Costas do Estado, a nome do Concello de Viveiro, a concesión da ocupación do dominio público-marítimo terrestre afectado pola actuación.

As obras de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido súmanse ás que actualmente está a executar a Xunta na depuradora, cun investimento de 4 millóns de euros. Os traballos consisten na mellora das liñas de tratamento e na adaptación da estación de tratamento para recibir tamén as augas procedentes do núcleo de Celeiro.

Desta forma, o Goberno galego prevé investir un total de case 8 millóns de euros no saneamento da ría de Viveiro, financiando completamente o total das actuacións previstas e dando así un importante apoio ao municipio nas súas competencias municipais de tratamento das augas residuais.