A Xunta renova cun investimento de case 500.000 € a base de helicópteros de Castromaior en Abegondo

Esta actuación permite mellorar a operatividade e comodidade desta base ofrecendo a posibilidade de que varias aeronaves poidan estacionar simultaneamente

Abegondo (A Coruña), 1 de xullo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto co alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, visitou esta mañá a renovada base do heliporto de Castromaior, na parroquia de Vizoño. O representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta de Galicia levou a cabo nesta base unha importante actuación de mellora que contou cun investimento de case 500.000 euros.

A mellora da infraestrutura consistiu na demolición de parte dos edificios existentes, na construción dun edificio de nova planta que inclúe espazo para a tripulación da brigada helitransportada e na emisora da base. O novo edificio representa un avance en canto á calidade da construción, maior funcionalidade e mellores condicións para o traballo. Dentro das obras do proxecto ampliouse a plataforma de toma dos helicópteros, ademais da creación dun aparcadoiro para vehículos e a substitución do peche perimetral da propiedade.

Trenor destacou que “os helicópteros son un medio esencial para combater os incendios forestais, sobre todo os máis difíciles, pola súa capacidade de transportar de inmediato a calquera punto do terreo unha brigada forestal de bombeiros e preto de 1 metro cúbico de auga”. Ademais, o delegado tamén resaltou a gran capacidade de accesibilidade e persistencia no traballo deste medio aéreo.
 

Imaxes relacionadas