A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou no acto de conmemoración do Día de Europa organizado pola Axencia Europea de Control da Pesca

Galicia insiste na necesidade de que o futuro regulamento europeo de control atenda á realidade da frota pesqueira

O Executivo galego confía en que a intervención dos estados membros permita mellorar o regulamento durante os debates entre o Consello Europeo, a Eurocámara e o Executivo comunitario

A conselleira do Mar destacou a importancia da unidade e de aportar argumentos sólidos para acadar unha Europa máis forte e o bo fin da actividade de control

Rosa Quintana agradeceu a Pascal Savouret a súa entrega e dedicación á fronte da Axencia Europea de Control da Pesca, deu a benvida próxima directora, Susan Steele, e brindoulle o apoio da Xunta para avanzar, traballar e seguir na liña de mellora da sustentabilidade da actividade pesqueira
 

Vigo, 1 de xullo de 2021

A Conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe en Vigo que o futuro regulamento europeo de control “debe adecuarse á operativa e á realidade da frota”. Nesta liña, Galicia confía en que a intervención dos Estados membros durante a negociación dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- permita flexibilizar e mellorar as medidas propostas que ameazan con complicar en gran medida o labor dos profesionais do mar.

Así o expuxo no acto de conmemoración do Día de Europa organizado pola Axencia Europea de Control da Pesca e que se celebra o 9 de maio, pero que foi retrasado polas restricións derivadas da situación da covid-19. Alí Rosa Quintana estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e tamén insistiu na necesidade de que o futuro regulamento xogue a favor da sustentabilidade do sector.

Neste sentido, Galicia defende, entre outros aspectos, a exención da pesca de baixura e do marisqueo da obriga da xeolocalización ao faenar preto da costa e estar sometidos a rigorosos controis. En relación á instalación de cámaras a bordo, a comunidade galega avoga por que sexa voluntaria ou como sanción ante posibles infraccións ao considerala desmesurada e que pode atentar contra o dereito á intimidade dos tripulantes.

No obxectivo de acadar o bo fin da actividade de control e unha Europa máis forte, subliñou a titular de Mar, é clave a unidade e aportar “argumentos sólidos e sensatos” e agradeceu o papel da Axencia Europea de Control da Pesca neste ámbito. Tamén tivo palabras de gratitude para o director executivo da Axencia desde 2011, Pascal Savouret, “pola súa entrega e dedicación” e deu a benvida próxima directora da Axencia, Susan Steele, que será a primeira muller que encabece esta institución.

Nesta liña, Rosa Quintana, manifestou o orgullo para as mulleres do mar de que o relevo da dirección desta institución sexa entregado a ela e brindoulle o apoio da Xunta “para avanzar, traballar e seguir na liña de mellora da sustentabilidade da actividade pesqueira mediante un control eficaz e rigoroso, pero tamén sensato e axeitado á actividade”.

En relación a esta colaboración, a titular de Mar destacou o esforzo de concienciación social realizado desde a Xunta de Galicia contra a actividade pesqueira ilegal. Unha problemática, especificou, “que supón un prexuízo económico para os traballadores do mar e que pon en perigo a saúde dos consumidores”.

Nesta liña lembrou o labor do Servizo de Gardacostas de Galicia na loita contra o furtivismo, onde se enmarcan, entre outras funcións, os controis rutineiros e os operativos que realiza en colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Imaxes relacionadas