A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou no acto central do izado simultáneo das 17 bandeiras azuis concedidas ás praias deste municipio

Ángeles Vázquez salienta que Sanxenxo abandeira o modelo de concello galego turístico sostible

Sanxenxo (Pontevedra), 1 de xullo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor esta mañá o papel de Sanxenxo como abandeirado dos concellos galegos turísticos sostibles, ao ter a capacidade de equilibrar o aproveitamento da súa riqueza natural como reclamo coa a súa obrigada conservación.

Ángeles Vázquez participou hoxe, xunto co alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), José Palacios, no acto central do izado simultáneo das 17 bandeiras azuis concedidas ás praias deste concello, coas que non só é o municipio galego co maior número de distintivos de Galicia, senón de toda España.

Estes galardóns son un exemplo da calidade e excelencia dos areais e dos servizos que ofrece a localidade, que tamén suma as bandeiras azuis do Real Club Náutico Sanxenxo, o Club Náutico Portonovo e o Porto Deportivo Juan Carlos I; ademais dos distintivos para unha rede de sendeiros e un centro azul —Centro de Interpretación As Telleiras—.

Na súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente tamén destacou a capacidade do concello para adaptar as políticas de xestión de residuos e preservación dos espazos naturais ás variacións poboacionais que se rexistran ao longo do ano, que requiren máis recursos e dispoñer de políticas máis eficientes en materia de xestión de residuos ou para a preservación dos espazos naturais.

A modo de exemplo, lembrou que Sanxenxo está adherido ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, reorganizou a contenerización de residuos no casco urbano, elaborou un Plan de mobilidade urbana sostible ou executou actuacións de mellora dos accesos aos areais e de recuperación de espazos naturais; un exemplo na provincia de Pontevedra da Galicia natural, verde e azul, no que veciños e visitantes acceden a todas as comodidades sen perder os valores naturais que o definen.
 

Imaxes relacionadas