O conselleiro do Medio Rural presidiu esta tarde a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (Cipig)

A Xunta amplía a súa rede de vixilancia forestal para ter controlado o 70% do territorio galego e anticiparse aos incendios na nosa comunidade

O conselleiro do Medio Rural puxo en valor a consolidación desta rede de vixilancia, coa instalación de 22 novas cámaras ata un total de 142 dispositivos

Ao tempo, destacou que Galicia contará cun operativo de máis de 7.000 efectivos na época de alto risco que arranca mañá, así como cunha trintena de medios aéreos e 378 motobombas

O director xeral de Emerxencias e Interior destacou a importancia da colaboración e da cooperación entre administracións para facer fronte con maior eficacia aos incendios forestais

O Cipig ten como finalidade coordinar as actuacións entre a Xunta e o Goberno central en materia de prevención e loita contra os lumes forestais en Galicia

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu esta tarde a reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (Cipig). Alí, puxo en valor a consolidación da rede de vixilancia forestal coa instalación de 22 novas cámaras nos montes galegos, que permitirán ter controlado o 70% do territorio da nosa comunidade. Deste xeito, Galicia contará -dixo- cun total de 142 dispositivos en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) ás zonas de Alto Risco de Incendios.

Nesa liña, José González lembrou que Galicia contará cun operativo de máis de 7.000 efectivos na época de alto risco que arranca mañá, así como cunha trintena de medios aéreos e 378 vehículos motobomba, tal e como se establece no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2021.

Ademais, o Pladiga 2021 tamén incorpora un completo Plan de prevención que conta cun investimento de arredor de 30 millóns de euros. Este programa establece a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación, así como a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes en Galicia e a construción doutros 222 novos, destacou José González.
O titular do Medio Rural tamén resaltou a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), unha nova unidade de elite formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais que se desvincula dos labores de extinción co fin de poder centrarse especificamente na investigación.

Finalmente, José González lembrou que seguirá activo o número de teléfono anónimo de denuncia de incendiarios, o 900 815 085, que permite fomentar a cooperación cidadá contra a actividade incendiaria, xa que os veciños poden alertar sobre actividades sospeitosas subministrando calquera información que aporte valor nunha investigación policial presente e futura. Así mesmo, tamén recordou que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou a importancia da coordinación e da cooperación entre administracións para facer fronte con maior eficacia aos incendios forestais e puxo en valor os acordos para poñer en común as actuacións que se van levar a cabo ante o comezo da tempada de alto risco. Entre os efectivos mobilizados, incidiu en que nesta campaña a Policía Autonómica destinará 382 efectivos á investigación de incendios forestais e 113 vehículos. Deste xeito, mantense practicamente o persoal do ano pasado malia o descenso de efectivos ao non cubrir o Goberno central as prazas vacantes. Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións cun Grupo de Apoio Loxístico (Gali) e facilitaranse medios técnicos como unha unidade operativa con sete drons ou tres cisternas nodrizas con capacidade de 25.000 litros. Tamén colaborarán 446 bombeiros dos consorcios provinciais e comarcais e 432 dos parques municipais, xunto con 420 efectivos de 39 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e tanto os servizos municipais como as 233 agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade.

Cómpre sinalar que o Cipig -que estará operativo dende mañá ata o vindeiro 30 de setembro- ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na nosa comunidade, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados polos lumes ao noso patrimonio forestal.

Na reunión de hoxe, ademais do conselleiro e dos dous directores xerais, estiveron presentes representantes da Unidade de Policía adscrita á Xunta de Galicia, da Garda Civil e da Policía Nacional, da Delegación do Goberno, do Ministerio de Interior, do Ministerio de Defensa e do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Imaxes relacionadas