Nava Castro destaca a reactivación do Camiño e o alto nivel de cumprimento do seu plan estratéxico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu no Parlamento de Galicia par dar conta dos avances no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que remata este ano

Desde 2019 investíronse preto de 40 millóns de euros só en tarefas de conservación integral dos itinerarios e 15,8 millóns na mellora da acollida aos peregrinos

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo balance hoxe no Parlamento dos avances durante este primeiro semestre no Plan Estratéxico do Camiño de Santiago e o Plan de Albergues. Castro destacou na súa intervención que o Camiño está preparado e que a reactivación na chegada de peregrinos é palpable, tal e como o evidencia a entrega de preto de 20.000 Compostelas neste ano. Máis do 70% entregáronse neste mes de xuño no que se contabilizaron máis de 14.500 peregrinos, cunha media de 480 ao día.
Castro destacou que esta reactivación do Camiño é a constatación de que turistas e peregrinos perciben Galicia como destino seguro, un dos obxectivos que se propuxo a Xunta, que confía no turismo e no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia.
“Os peregrinos son conscientes de que o Camiño é seguro”, destacou Nava Castro, que fixo fincapé non só no compromiso do Goberno galego para manter o trazado do Camiño en estado óptimo “senon para preservar os seus valores, embelecer os seus itinerarios, facelo máis sostible e tamén, máis acolledor e accesible”, explicou a directora de Turismo de Galicia. Castro destacou tamén o traballo realizado conxuntamente con todo o sector, e o tecido asociativo e profesional vencellado ao Camiño para adoptar as medidas precisas obrigadas pola crise sanitaria e que permitiron vencellar seguridade sanitaria e Camiño de Santiago.
Neste sentido, a directora aproveitou para lembrar a vixencia do seguro coronavirus para todos os peregrinos e destacou, ademais, o alto grao de cumprimento acadado xa polo Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que remata a finais deste ano. Cunha porcentaxe de cumprimento superior ao 80% nas liñas dedicadas ás actuacións de conservación e mantemento do Camiño de Santiago, a directora de Turismo de Galicia destacou o investimento realizado pola Xunta desde 2015, de 33,9 millóns de euros só no que atinxe ao mantemento dos trazados.
Un esforzo ao que hai que engadir o destinado á mellora da seguridade viaria, que supuxo un investimento nos últimos tres anos de 12,6 millóns de euros, destinado a mellorar as entradas dos Camiños de Santiago en Compostela e de subsanar 70 puntos negros ou a ampliación en 400.000 euros para as tarefas de vixilancia e conservación integral do Camiño.

Plan de Albergues

Ademais da mellora da infraestrutura, o segundo ámbito no que máis se avanzou neste tempo de pandemia foi na mellora dos servizos de acollida, unha liña de actuación do Plan Director que ten un grao de cumprimento do 78%, o que se traduciu nun investimento de 15,8 millóns de euros na mellora e creación de 14 novos albergues.

A última incorporación a esta rede é precisamente o Albergue de Vigo, que comeza a funcionar mañá, e que permitirá que a cidade conte co seu primeiro albergue de peregrinos, despois dun investimento de 1,8 millóns de euros. Ao de Vigo sumaránselles outros sete albergues no que resta de Ano Santo ata completar unha rede de acollida pública de 78 centros.