A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe as actuacións que a Xunta prevé executar en 2022 e informou de que os veciños poden presentar as súas achegas aos proxectos ata o 11 de agosto

A Xunta somete a información pública os proxectos das sendas de Soesto e Serantes, en Laxe, que suporán un investimento autonómico de 334.000 euros

O obxectivo é executar en total case 1.300 metros de itinerario peonil ao longo da antiga traza da estrada AC-433

Conectarase pola marxe esquerda da vía os lugares do Rueiro e Castrelo, en Soesto, e pola marxe dereita, o núcleo de Serantes coa igrexa de Santa María e o cemiterio

Vázquez Mourelle destaca que estes proxectos se suman aos 11 km de sendas impulsados na 1ª fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, que culminará coas obras en execución da senda Carballo e Coristanco logo dun investimento de 5M€

Avanza a execución de novos itinerarios, como o previsto no Couto, en Ponteceso, ou o que dará acceso ao centro comercial de Coristanco

Salienta que xa son 2.000 mozos da comarca de Bergantiños que viaxan gratis en todos os autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova

Laxe (A Coruña), 30 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe do inicio do proceso polo que se someten a información pública os proxectos das sendas de Soesto e Serantes, en Laxe, que suporán un investimento autonómico de 334.000 euros.

Vázquez Mourelle presentou hoxe proxectos destes dous itinerarios, que se construirán ao longo da antiga traza da estrada AC-433 co obxectivo de facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

Subliñou que esta intervención suporá executar en total preto de 1.300 metros de sendas, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho deste itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do inicio da información pública ten efectos expropiatorios, de forma que, como explicou a conselleira, os titulares das 19 fincas afectadas polo proxecto e todos os interesados dispoñen de prazo ata o vindeiro 11 de agosto para presentar as súas achegas.
A titular de Infraestruturas da Xunta indicou que, a partir de aí, continuarase cos trámites necesarios, co obxectivo de licitar as obras a finais de ano para a súa execución en 2022. Os traballos contarán cun período para a súa execución de 8 meses.
Concretou que a senda do núcleo de Soesto conectará os lugares de O Rueiro e Castrelo a través dun itinerario de preto de 600 metros que se construirá pola marxe esquerda da vía, no treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, a conselleira precisou que o itinerario irá pola marxe dereita, para facilitar a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

Ethel Vázquez indicou que as novas actuacións en Laxe se suman á senda peonil e ciclista que conecta a vila e o paseo marítimo, xa en servizo desde o pasado verán, que supuxo un investimento da Xunta de 330.000 €. Con ese itinerario conéctase a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila

Os novos itinerarios que a Xunta construirá en Laxe súmanse aos 11 km de sendas construídos no marco da primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, que culminará coa que se está a executar entre Carballo e Coristanco.

A conselleira avanzou a construción de novas sendas na comarca, como a que está prevista no Couto, en Ponteceso, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco. Trátase, dixo, de actuacións que buscan dotar aos veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable.

Vázquez Mourelle puxo en valor o traballo do Goberno galego por favorecer a mobilidade, tamén no transporte público. A ese respecto, subliñou as vantaxes da extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia o pasado 21 de maio. Iso permite, dixo, que os menores de 21 anos que dispoñen deste dispositivo -40 en Laxe e máis de 2.000 na comarca de Bergantiños- poidan viaxar gratis cara á Coruña ou cara á Santiago, pero tamén polos 313 concellos galegos nos autobuses da Xunta.

Imaxes relacionadas