Un total de 74 concellos da provincia da Coruña recibirán axudas da Xunta por valor de algo máis de 2 millóns de euros para promover a conciliación, previr e tratar a violencia de xénero

Susana López Abella e Gonzalo Trenor informaron da resolución das axudas a concellos e outras entidades locais para potenciar a conciliación e a corresponsabilidade, a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero

Destínanse máis de 1,2 millóns euros a 29 Centros de Información á Muller da comarca

Desde o ano 2015 a Xunta leva destinados a estes apoios máis de 36 millóns de euros
 

A Coruña, 30 de xuño de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informaron do resultado da resolución das axudas a entidades locais que a Xunta de Galicia destinará este ano para fomentar e promocionar a igualdade. Na provincia da Coruña esta cifra ascende a a algo máis de 2 millóns de euros para atender as demandas de 74 concellos.

Como explicou Susana López Abella o Goberno galego financia actuacións de catro programas: (1) fomento da conciliación; (2) promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; (3) apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e (4) o programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.

O primeiro dos programas conta con máis de 481.000 euros cos que se apoian iniciativas de 38 entidades locais para o fomento das medidas de conciliación.

A segunda liña, con máis de 114.000 euros, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero en 12 entidades locais. Coa mesma a Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes s e doutras mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes apoios inclúen medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución.

A terceira liña ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 29 centros que dan cobertura a 56 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa máis de 1,2 millóns de euros na provincia da Coruña.

A cuarta liña céntrase na posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinaranse máis de 149.000 euros euros para 27 entidades locais con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Xunta leva investidos nestes programas, en toda Galicia, desde o ano 2015 máis de 30 millóns de euros, o que permitiu axudar a máis de 50.000 mulleres e 17.500 familias.


 

Imaxes relacionadas