Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado ambiental no Camiño de Santiago

A súa finalidade é dar a coñecer o rico patrimonio natural de Galicia e favorecer a súa preservación

Ofértanse un total de 100 prazas, 10 por cada quenda, en distintas rutas do Camiño de Santiago

As persoas voluntarias desenvolverán actividades de sensibilización, información e vixilancia ambiental

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

A Xunta abriu a prazo de inscrición no programa de voluntariado ambiental no Camiño de Santiago que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e principios de setembro de luns a venres en diferentes etapas e vías da ruta xacobea. A finalidade deste programa é dar a coñecer o rico patrimonio natural de Galicia, co obxectivo de favorecer a súa preservación.

En concreto, as actividades programadas están deseñadas para os seguintes Camiños: Camiño Francés, na etapa de Sarria a Portomarín; Vía da Prata, de Laza a Vilar de Barrio; Camiño Fisterra-Muxía, na etapa de Muxía a Fisterra; Camiño Inglés, desde Sigüeiro a Santiago; Camiño Primitivo, de Castroverde a Lugo; e Camiño do Norte, de Lourenzá a Mondoñedo.

As persoas voluntarias, que serán dun máximo de 10 por quenda ata un total de 100, desenvolverán actividades de sensibilización e coñecemento do patrimonio ambiental e natural; de información, axuda e concienciación ambiental aos peregrinos; e labores de vixilancia ambiental e localización de posibles puntos que requiran dun posterior estudo ou revisión.

Formulario de inscrición

Os requisitos de participación serán os seguintes: ter os 18 anos cumpridos, residir na comunidade autónoma de Galicia e cumprimentar o formulario de participación na web de Voluntariado. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os gastos de cobertura do seguro de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias e os gastos de traslado e manutención a partir do punto de encontro que se indique para cada actividade.

Así mesmo, as persoas voluntarias poderán inscribirse só nunha acción programada, salvo no caso de que finalmente queden prazas vacantes. A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición e se o grupo de persoas apuntadas nunha actividade excede o máximo permitido para cada zona, pasarán a unha lista de reserva para o caso de que queden prazas vacantes.