O presidente da Xunta de Galicia reuniuse co embaixador da Federación de Rusia en España, Yuri Korchagin

Feijóo aborda co embaixador de Rusia o impulso do Camiño de Santiago e valora a colocación dunha mouteira nunha das principais cidades do país

Traslada a oportunidade que para Galicia supón contar cunha oficina do cónsul honorario de Rusia en Vigo, de cara á profundar na cooperación entre ambos os territorios, referíndose especialmente aos posibles intercambios comerciais e empresariais que se poden establecer

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o embaixador da Federación de Rusia en España, Yuri korchagin, abordaron hoxe o impulso do Camiño de Santiago no país e valoraron a colocación nunha das principais cidades dunha mouteira, seguindo así a iniciativa dos Símbolos Xacobeos no mundo que está a desenvolver o Goberno galego, co obxectivo de expandir a marca Xacobea internacionalmente.

Durante o encontro mantido esta mañá, Feijóo destacou o crecente interese dos rusos polo Camiño, reflectido nos máis de 2.600 peregrinos procedentes do país que chegaron a Galicia en 2019. Unha cifra que agardou se supere neste Xacobeo bianual.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico trasladou a oportunidade que para Galicia supón contar cunha oficina do cónsul honorario de Rusia en Vigo, de cara á profundar na cooperación entre ambos os territorios, referíndose especialmente aos posibles intercambios comerciais e empresariais que se poden establecer.

Sobre este punto, Feijóo destacou a recuperación, tras a pandemia, das exportacións galegas ao país no primeiro cuadrimestre deste ano, incrementándose un 18,8% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Así, Rusia é un dos principais destinos das exportacións galegas de industrias químicas, como insecticidas e funxicidas.

No eido naval, o titular do Goberno galego trasladou o interese do sector de participar en setembro na Feira Naval Neva en San Petesburgo, sempre que as circunstancias internacionais da pandemia o permitan. Ademais de referirse ás posibilidades de negocio que ofrece o sector agroalimentario galego, especialmente no eido das conservas ou do viño, e o téxtil, un sector no que Galicia é punteira con compañías como Inditex á cabeza.

 

Imaxes relacionadas