O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe ao acto de presentación da VI edición da Business Factory Auto

A Xunta apela á visión de equipo coa que naceu a Bfauto para afrontar os retos da mobilidade sustentable, segura e conectada

Conde destaca que, ata o de agora, as cinco edicións que se levan desenvolvido deron lugar a 53 novas empresas das que o 7 por cento xa exporta os seus produtos ou servizos

Apunta que foron 84 os proxectos participantes nas cinco convocatorias celebradas, dos que un 75 por cento xa está realizando pilotos en empresas do sector

Di que o lanzamento da sexta convocatoria coincide nun momento clave para o sector, porque a mobilidade avanza cara a novos medios, que están nas enerxías alternativas; nos novos usos, arredor de todos os avances da condución autónoma; e nos novos modos, que son os que ofrece o vehículo conectado

Resalta e agradece o nivel de proactividade e de implicación de todas as entidades que, ademais da Xunta, apoian esta iniciativa

Nigrán (Pontevedra), 30 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe á visión de equipo coa que naceu a Business Factory Auto (BFAuto) para afrontar o marco de oportunidades que traen os fondos europeos para o sector da automoción e avanzar cara a unha mobilidade sustentable, segura e conectada.

Conde participou esta mañá en Porto do Molle (Nigrán) no acto de lanzamento da sexta convocatoria desta aceleradora especializada no sector da automoción, que ten a súa convocatoria aberta para a inscrición de proxectos ata o vindeiro 23 de setembro. Ata o de agora, as cinco edicións que se levan desenvolvido deron lugar á creación de 53 novas empresas das que o 7 por cento xa exporta os seus produtos ou servizos. Tamén permitiu crear 450 novos empregos e as cifras de facturación acadan os 80 millóns de euros. Foron, ademais, 84 os proxectos participantes nas cinco convocatorias celebradas, dos que un 75 por cento xa está realizando pilotos en empresas do sector.

Segundo dixo, o lanzamento da sexta convocatoria coincide nun momento clave para o sector, porque a mobilidade avanza cara a novos medios, que están nas enerxías alternativas; novos usos, arredor de todos os avances da condución autónoma; e novos modos, que son os que ofrece o vehículo conectado. Ao respecto, apuntou que entre os moitos proxectos que se foron forxando ao abeiro desta aceleradora queda constancia de cara a onde se dirixe o futuro do sector: a dixitalización e a sustentabilidade.

O vicepresidente económico recoñeceu que a BFAuto é unha suma de esforzos —entre a Xunta, o Consorcio Zona Franca de Vigo, Stellantis, Ceaga e o retos de empresas do sector— para promover o emprendemento e a innovación nun sector estratéxico na economía galega. Nese sentido, agradeceu e puxo en valor o nivel de proactividade e de implicación de todas as partes.

Imaxes relacionadas